xoves 20.02.2020

Reabre o Museo das Peregrinacións cun novo proxecto expositivo

Mañá sábado, e até o vindeiro día 15, poderemos ver de balde o Museo das Peregrinacións de Santiago que estrea novo proxecto expositivo.

Museo das Peregrinacións
Museo das Peregrinacións

O Museo das Peregrinacións e de Santiago comeza este sábado e até o próximo 15 deste mes unhas xornadas de portas abertas durante as que se poderá visitar de balde a sede de Praterías de Peregrinacións. Os visitantes poderán comprobar o resultado dun proxecto museográfico que, segundo a Xunta, reforza e clarifica o discurso expositivo e a posta en valor das pezas amosadas neste centro de titularidade estatal e xestión autonómica.

O novo programa expositivo pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun discurso que, partindo do fenómeno universal das peregrinacións, mostra a relevancia da peregrinación xacobea e a súa incidencia na evolución da cidade compostelá.

A presentación dos contidos estrutúrase en catro niveis de lectura para a comprensión dunha historia milenaria, que se desenvolve á marxe das barreiras políticas, das culturas e do tempo: tres grandes áreas temáticas que levan ao visitante do universal ao local e un epílogo.
Desde as distintas peregrinacións existentes en todas as latitudes, pasando polas peregrinacións cristiás e as tres grandes rutas: Santiago, Xerusalén e Roma, continuando pola historia, tradición e lenda xacobea, e rematando pola pegada histórica e evolución da urbe de Santiago, o museo ofrece un relato histórico, artístico e cultural extraordinario que permite comprender a peregrinación a través dos bens culturais relacionados con ela.

20 anos de Museo

Creado en 1951 como Museo de Santiago e das Peregrinacións, por iniciativa da Dirección Xeral de Belas Artes e o Municipio de Santiago, trátase dun museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia en 1995. Foi inaugurado de forma definitiva en febreiro de 1996 na súa sede da Casa Gótica.

A nova sede de Praterías, situada no edificio anteriormente ocupado polo Banco de España, en pleno casco histórico compostelá e ao lado da Catedral, foi rehabilitado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto e ofrece unha arquitectura actual adaptada ás necesidades dun museo do século XXI, que permite poñer en valor as colección atesourada e mostrala ao visitante nun novo discurso expositivo.

comentarios