Un proxecto de paseo marítimo ameaza dous históricos estaleiros de Moaña

Colectivos e organizacións advirten do dano irreparábel que iso suporía para o patrimonio marítimo de Galiza.

estaleiros moaña ribeira mar
photo_camera Foto: Sueste

O proxecto de paseo marítimo da Seara, en Moaña, pon baixo ameaza a dous antigos estaleiros da zona: a carpinteiría de Casqueiro e o estaleiro de 'Carlagho'. Así o denuncian desde a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, así como de diferentes colectivos e entidades.

Nun primeiro proxecto contemplábase “unha solución de madeira sobre pilotes para o paseo, respectando o patrimonio marítimo da zona”: estes antigos estaleiros e rampas e escaleiras ao mar. Mais finalmente o proxecto que se pretende executar é, sinalan desde a Federación, “un paseo marítimo 'típico'” que vai supoñer a eliminación das rampas e escaleiras e a “eliminación da fachada e acceso o mar dos dous estaleiros”.

Con vida

'Calagho' está a ser usado por Sueste (agrupación cultural e recreativa centrada no mundo do mar) para reparar barcos tradicionais, organizar cursos, actos culturais... No que atinxe a Casqueiro, e segundo sempre a Federación galega, ten concesión até 2018. “Ambas instalacións son importantes elementos do patrimonio marítimo moañés”.

Ainda que a oposición en Moaña conseguiu parar no pleno o proxecto e paseo, “o alcalde pretende levalo adiante de todos modos, xa sexa chegando a un acordo ou aprobándoo na Comisión de goberno”.

FGCMF apunta que mesmo o arquitecto Juan Manuel Fernandez Rivas, quen tivo a idea inicial para o paseo, “presentou un informe sobre o actual proxecto do paseo onde deixa claro que de levarse a cabo tal como está previsto, o dano ao patrimonio marítimo sería irreparable”. 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios