Pintar unha casa para dinamizar Valdeorras

O pintor de Córgomo Anxo Baranga restaurou a súa vivenda con grandes murais dedicados a figuras das nosas letras coma Rosalía ou Castelao e prepara unhas xornadas culturais.
Frase de Castelao na casa de Anxo Baranga en Córgomo
photo_camera Frase de Castelao na casa de Anxo Baranga

En plena restauración da súa casa en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o artista Anxo Baranga non escolleu só cores para a fachada. Cando menos non no sentido habitual. Optou de momento polo branco e polo negro, aínda que aventura que en breve meterá tamén cor, mais con motivos que recuperan, a modo de cadros, as imaxes de Castelao, Rosalía ou ao vilamartinés máis ilustre: Florencio Delgado Gurriarán. “Pensei nun gran mural da cultura galega”, di Baranga, “cos nosos símbolos máis senlleiros”. E polo de agora conseguiu que algúns veciños e veciñas pregunten moi interesados no seu traballo. O pintor, no seu papel de dinamizador cultural, apunta moito máis alá e quere realizar unhas xornadas culturais ao redor do 25 de xullo. Partindo da chamada visual da súa propia casa quere celebrar dous días dedicados ao presente e futuro da nosa cultura. “A idea é que o 24 teñamos aquí un acto coa participación dos axentes culturais da comarca e o 25 outro coa participación das forzas políticas, en principio locais, que xestionan moitas das liñas de actuación neste eido na zona”, afirma o artista.

Mural social
Baranga concibe a arte como algo participativo polo que no seu mural haberá tamén un oco para aquelas persoas que considere “importantes” aínda que non figuren en ningún sitio. Os gaiteiros de Follas Novas, formación na que tocaba o pai de Anxo, e as propias veciñas e veciños de Córgomo tamén sairán nel.
Anxo Baranga xa é moi coñecido polos seus proxectos artísticos na propia comarca. Organizou varias xornadas de teatro en Córgomo con obradoiros e actuacións que fixeron que agora traballen varios grupos teatrais na comarca.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios