O orzamento da exposición Gallaecia Petrea mantería dous anos Preescolar na Casa

A exposición Gallaecia Petrea, inaugurada o pasado mes de xuño na Cidade da Cultura, conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros. As poucas visitas recibidas dende a súa inauguración poñen en dúbida a rendibilidade do proxecto. 

photo_camera Cidade da Cultura

A exposición arqueolóxica Gallaecia Petrea, que permanecerá na Cidade do Gaiás até o vindeiro mes de decembro contou cun custo estimado pola propia Xunta de Galiza nun millón e medio de euros –máis do que custa o mantemento de Preescolar na casa ao longo de dous anos. Entre ese orzamento destaca os custos de transporte e montaxe das pezas -achegadas dende diversos puntos do país e o norte de Portugal, que supuxeron a maior parte do investimento.

Segundo un artigo publicado esta terza por un diario local, no que vai de exposición (un mes) a mostra obtivo pouco máis de 1.200 visitas o que suporía 4.800 euros recadados.

 Un 'non lugar' moi caro

Nun artigo publicado pola editora e escritora Rosa Olivares, na publicación dixital Exit Express, a especialista en arte salienta o esaxerado orzamento e o “obxectivo absurdo” da Cidade da Cultura, da que di “como broma non ten graza”. Así mesmo, Olivares criticou a remuneración obtida polo comisario xeral da mostra Gallaecia Petrea, cuxo soldo, apunta, supuxo aproximadamente uns 50.000 euros, cando “o habitual vén sendo 12.000, no mellor dos casos”.

 Para a autora española, tanto a Cidade da Cultura, á que chama “mausoleo de Fraga” coma a exposición arqueolóxica supoñen un “despropósito expositivo e un insulto a unha sociedade que está recortando en educación e sanidade até bordear a miseria”. Segundo a escritora, a obra faraónica do Gaiás constitúe un 'non lugar' –un termo empregado para designar aqueles espazos de tránsito para as persoas, sen interacción ou expresión real que, asemade, non aportan nada á identidade ao non seren facilmente interiorizadas as súas compoñentes.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios