O Festival de Curtametraxes de Bueu recibiu creacións de 45 países

As producións galegas case duplican a súa presenza e incrementouse a participación estranxeira nas 477 fitas chegadas a esta quinta edición.
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

O 15 de xuño daranse a coñecer as 25 obras seleccionadas para concorrer á sección oficial do V Festival de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá en setembro. Foron 477 as curtametraxes chegadas desde 45 países diferentes dos cinco continentes as inscritas nesta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Segundo a organización, houbo un considerábel incremento porcentual da participación estranxeira, que pasou do 29% ao 37%, sumando 178 traballos.

As producións galegas case duplican a súa presenza.

Aínda que as obras procedentes do resto do Estado perden terreo, seguen a ser maioritarias, pois supoñen 264 curtas, ás que se engaden 8 coproducións con outros países. Finlandia, Israel, Nixeria, Singapur, India, Xapón, Grecia, Rusia, Filipinas ou Perú son só algúns dos lugares de onde proceden as fitas, se ben numericamente destaca a participación de Francia, Alemaña, Polonia, Reino Unido e Irán. Varias nacionalidades concorren por primeira vez ao FICBUEU, como é o caso de Cuba, Porto Rico, Macedonia, Iraq, Malaisia ou Estonia. En termos relativos, as producións galegas case duplican a súa presenza e con 27 títulos sitúanse no 6% do total.

O xurado dará a coñecer o vindeiro 15 de xuño, a través da páxina www.ficbueu.com, os 25 traballos seleccionados para a sección oficial. Entre os días 3 e 7 de setembro realizaranse as proxeccións, mentres que o sábado 8 terá lugar a gala de encerramento na que se repartirán 4.000 euros en premios. O festival está organizado polo Concello de Bueu co patrocinio da Fundación Novas e a colaboración de diversas empresas da zona.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios