O audiovisual galego entrega os seus premios

Matalobos, con 15 nominacións e a longametraxe de ficción Doentes, con 13 son as máis nominadas.
Matalobos
photo_camera Matalobos

O auditorio Gaviota do Palexco da Coruña acollerá hoxe a celebración da X edición dos Premios Mestre Mateo que entrega a Academia Galega do Audiovisual. Nesta ocasión a gala preséntase atípica coa presentación a cargo de María Castro, mestra de cerimonias, e Luís Tosar. Con Ángel de la Cruz como director á fronte, veremos numerosos números musicais, humor e autocrítica. En total o espectáculo terá dúas horas de duración e nel repasaranse as crises máis importantes dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial do século XIX até a presente.

Caras coñecidas
Nesta gala entregaranse galardóns en 28 categorías, cun total de 107 nominados. Como noutras edicións cada un dos gañadores recibirá o premio de mans dunha parella de artistas convidados, que entregará cada unha delas tres premios a tres categorías distintas. Entre as parellas encargadas de entregar os galardóns figuran algunhas das caras máis coñecidas da televisión e a escena galegas, como Beatriz Manjón, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Isabel Blanco, María Mera, Pedro Alonso ou Isabel Risco. Así mesmo, pasarán polo escenario da gala dos Premios Mestre Mateo outros actores e actrices galegas, máis coñecidos polo seu traballo a nivel estatal, como Javier Gutiérrez, que encarna ao entrañable Satur en Águila Roja, David Seijo, que é Ramiro na serie El Barco, ou o presentador Fernando González "Gonzo". Serán en total dez parellas, ademais da encargada de recibir ao Premio de Honra Fernando Rey. No medio de cada unha das intervencións intercalaranse diversas actuacións e monólogos, para facer desta festa do audiovisual galego unha noite de entretemento.

Dolores Ben recibirá o Premio de Honra
Mediada a gala as produtoras Emma Lustres e Fernanda del Nido, en nome da Academia Galega do Audiovisual, faranlle entrega do Premio de Honra Fernando Rey a Dolores Ben, outorgado pola súa decidida aposta polo audiovisual do país, que vén demostrando nos últimos 20 anos de traballo a prol do sector.
Entre os proxectos que acaparan máis candidaturas nesta edición están a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Arrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.
A retransmisión en directo da TVG será a partir das 21 horas.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios