Noite de Samaín, noite das cabazas

A recuperación desta festa popular loita por sobrevivir diante da exportación do fenómeno do Halloween.
Samaín

Esta noite é a festa de Samaín ou das cabazas ou de defuntos, tanto ten mais para falar con propiedade é unha festa galega que relaciona os dous mundos: este e o máis alá. Cando comezou non se sabe aínda que temos indicios das súas orixes e algúns traballos ben interesantes que achegan datos importantes. Falaron desta celebración desde Ramón Otero Pedrayo até Florentino López Cuevillas pasando polo propio Vicente Risco.

De textos máis actuais temos os libros "Caliveras de melón" e "Samaín: A festa das caliveras" escritos por Rafael López Loureiro, un mestre de Cedeira que se "iniciou" nesta historia despois de que a súa filla chegara do colexio falándolle do Halloween. Comezou a investigar e atopou moit@s informantes que lle explicaron que o das cabazas ocas con lume por dentro e meter medo a noite do día 31 de outubro era algo que estaba aquí mesmo non hai tantos anos. Foi así como comezou a celebración do Samaín en Cedeira.

Falaron desta celebración desde Ramón Otero Pedrayo até Florentino López Cuevillas pasando polo propio Vicente Risco

A festa en Cedeira
Se hoxe hai un referente da noite das cabazas en Galiza este é a vila de Cedeira. Rafael López decidiu daquela, hai máis de 20 anos, que non estaría mal recuperar a festa e botou man primeiro da, hoxe desaparecida, asociación Chirlateira e despois de Amigos do Samaín para organizar cada ano un obradoiro de cabazas, unha exposición e a propia festa. Se cadra a parte máis importante desta noite é a “procesión de ánimas”, na que rapazas e rapaces de Cedeira desfilan polas rúas disfrazados e levando unha iluminación propia da Santa Compaña.

Hoxe son moitas as asociacións culturais e locais privadas que celebran o Samaín. Aínda así algunha nai ou pai pode que escoite do seu fillo ou filla que ven de celebrar o Halloween na escola. Se é o caso xa sabe, a auténtica tradición está máis perto do que pensaba.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios