No Val de Vea as espadelas son arte

Unha exposición no Museo do Pobo Galego (MPG) descobre, até o 17 de xuño, unha interesante relación entre arte decorativa e o fenómeno socializador dos traballos relacionados co liño nesta zona da Galiza.
Exposición de espadelas

As investigacións antropolóxicas ás veces traen curiosos descubrimentos. Manuel e Belén levan varios anos investigando no Val de Vea o mundo das espadelas e atoparon unha particularidade que vai mais alá da ferramenta de traballo: a decoración artística e o seu contexto social como relación entre mulleres e homes. Para as súas propietarias son algo máis ca ferramentas de traballo e teñen un valor engadido ao seren galanos dos namorados “como sinal do seu compromiso”. Logo a realidade tiña outros camiños trazados.

Na inauguración da exposición ...Para ir a unha espadela no MPG estiveron presentes mulleres e homes que aportaron a maior parte das pezas. “A min regaláronme tres e non casei con ningún deles”, comenta entre risos Dolores, unha das informantes. As diferentes posibilidades económicas das casas con menos recursos vénse naquelas pezas con decoración algo menos traballada. Daquela tamén as clases sociais, dentro da mesma parroquia, marcaban distancias.

Para as súas propietarias son algo máis ca ferramentas de traballo e teñen un valor engadido ao seren galanos dos namorados

As carpinterías da zona sabían dos gustos da clientela e aproveitaban para crear pequenas obras de arte. Elementos xeométricos, símbolos relixiosos, figuras zoomórficas, sogueados e todo tipo de combinacións que, segundo explica Belén “chegan a ser internacionais posto que mesmo as atopamos en Exipto”.

Fenómeno antigo
O Val de Vea (A Estrada, Pontevedra) leva o nome do río que nace na Bragada, a carón do concello de Cuntis, e que remata no Ulla. As súas parroquias son Santo André, San Xurxo, San Xiao e Santa Cristina de Vea, Baloira, Frades, Couso e Cora. A principios do século XIX todas formaban parte da xurisdición de Vea na antiga provincia de Santiago.

Manuel e Belén pensan, despois das súas investigacións, que a presenza destes utensilios na zona é un fenómeno que xa vén de antigo. “Partimos das pezas do propio MPG e da ducia que se coñecíamos nun principio comezaron a aparecer máis”, apunta Manuel. Para Belén a razón do seu éxito nesa época estivo no traballo da espadela. “Xuntábanse moitísimas mulleres, 30 ou 40, e presumían do seu espadeleiro”, asegura Belén. O carácter social destes encontros déixao claro a propia Dolores “onde atopabamos aos homes senón é na espadela?” 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios