Manuel Vaquero, arqueólogo: 'Podemos atopar elementos máis antigos en Becerreá'

As escavacións realizadas nas Covas de Valdevara (Becerreá, Lugo) polas Universidades de Santiago e Rovira i Virgili de Tarragona realízanse desde o 2007. Cada ano os achádegos son máis importantes, como o que hai case un mes localizou o que semella un calendario lunar que agora está a ser analizado. Consiste nun óso con incisións en múltiples de sete, co cal se medirían as fases da lúa, e pertence ao período magdaleniense (18.000-8.000 a.XC.).
Escavacións en Valdebara (Becerreá)
photo_camera Escavacións en Valdevara (Becerreá)

O concello de Becerreá pensa adquirir unha casa para a empregar como museo local dos elementos localizados destas covas. Falamos co director da excavación, o arqueólogo da Universitat Rovira i Virgili, Manuel Vaquero.

Como se descubriu o xacemento?
Chegamos a el porque o pai da co-directora do xacemento é de Becerreá e de novo atopou a cova e recollera algúns materiais. A súa filla estudou, anos máis tarde, na Universidade de Tarragona e vimos que eses materiais tiñan interese. Entón decidimos ir a traballar a Becerreá.

Eses achados a que época pertencen?
Achegounos información sobre épocas moi diferentes. Van desde a máis recente do Bronce final, aproximadamente uns 3.500 anos A.XC. até os 25.000 anos. E en Valdevara 3, próximo nunha canteira, atopamos restos humanos de hai 100.000 anos. A cronoloxía quedaría comprendida entre os 3.500 e os 100.000 anos. As evidencias remiten ao Mesolítico, de hai 9.000 anos, ao Paleolítico Superior, o Magdaleniense que é o que estamos a escavar agora de hai uns 17.000 anos até as da canteira.

En zonas onde non existen é moito máis complicado atopar restos con esta cronoloxía.

Porque na zona de Becerreá?
Becerreá é das poucas zonas galegas nas que hai pedra calcarea. Nelas é onde se forman as covas por disolución ao contacto coa auga. É nas covas onde atopamos os xacementos arqueolóxicos. En zonas onde non existen é moito máis complexo atoparmos restos con esta cronoloxía.

Que significado ten este xacemento en concreto para explicarmos a presenza da nosa especie en Galiza?
Até agora non tiñamos case información. A época do Magdaleniense Medio interior, entre os 17.000 e 15.000 anos era moi descoñecida aquí. Asemade, atopamos das máis antigas en Galiza.

Un dos descubrimentos máis curiosos foi o que presentaron como un “calendario lunar”...
É un óso con pares de marcas que interpretamos que é un calendario lunar. A razón que damos é porque presentan sete pares de marcas. Noutros xacementos onde se atoparon pezas semellantes o número de marcas é sempre un múltiplo de sete. Por iso pensamos que podería empregarse como forma de medir o tempo. Os primeiros calendarios da historia da humanidade eran así. Aínda así é unha hipótese preliminar que terá que pasar polo laboratorio para comprobar se é así. Os calendarios lunares non son como os que nós coñecemos.

Os resultados publicáronse dicindo que son “preliminares”. Que agardan atopar nun futuro?
Nun futuro inmediato o que queremos é completar a secuencia estratigráfica da cova de Valdevara. Pensamos que estamos perto da final dos traballos mais decatámonos que a secuencia é moito máis importante do que pensabamos e coido que podemos atopar mesmo elementos máis antigos dos que  atopamos até agora. En calquera caso o obxectivo principal é completarmos a secuencia estratigráfica da cova e vermos até onde chega a cronoloxía de ocupación da cova. 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios