Lugo e Ourense musealizan a súa historia e inauguran centros de interpretación

As dúas cidades aproveitan a recuperación de espazos para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico. Lugo presenta o Museo Interactivo da Historia de Lugo para entender a evolución histórica da cidade e converterase ademais no espazo da arte contemporánea lucense. Ourense recupera espazos co seu Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal.
Museo Interactivo Historia de Lugo
photo_camera Museo Interactivo de Historia de Lugo

Os espazos expositivos e de interpretación reinvéntanse. Agora xa non consisten en "gardar" elementos históricos senón de que colaboren en que o pasado conviva co presente e co futuro. Lugo e Ourense entenderon, hai uns anos, que un dos xeitos de reactivar o turismo cultural pasaba por dotar ás cidades de lugares propios onde ilustrar a liña do tempo municipal.

Despois de sete anos, no caso de Ourense, e de catro, no caso de Lugo, coincidiron estes días inauguracións do Museo Interactivo da Historia, na cidade das murallas, e o Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal, na capital das Burgas.

Arte contemporánea e historia en Lugo

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) é un proxecto innovador. Os arquitectos Nieto-Sobejano crearon un parque-museo de 11.300 metros cadrados na zona verde de Frigsa. No seu interior un conxunto de patios circulares afundidos e edificios formados por cilindros de máis de 8 metros de altura. En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, cafetaría e tenda. O edificio confúndese coa paisaxe e integrase no entorno.

O MIHL comezará a súa andadura cunha exposición de arte contemporánea que se inaugurará o vindeiro 29 de novembro con obras cedidas polo CGAC e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Paco Leiro e Murado.

Despois de sete anos, no caso de Ourense, e de catro, no caso de Lugo, coincidiron estes días ambas inauguracións museográficas nesas cidades.

Ourense termal

Sete anos despois do seu inicio inaugurouse en Ourense o Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal, dentro do entorno BIC "As Burgas". O proxecto aproveitou a recuperación dun grande espazo verde de seis mil metros cadrados no seu mesmo centro histórico, un atractivo turístico máis que pretende reactivar o comercio na zona. Situado tras as propias Burgas, o proxecto de musealización é obra dos arquitectos Manuel Jorreto, Pablo Falcón, e os arqueólogos, Celso Rodríguez e José María Eguileta.

O complexo dispón de espazos nos que se distribúen as diferentes áreas temáticas. Un total de cinco salas falan da "Auga, paisaxe e territorio", "Balnearios salutiferos. Auga mineiro medicinal e relixión", "Termas, auga, lecer e sociedade", "Abandono e recuperación. Uso desde a Idade Media até a actualidade", ademais de unha de lectura e dúas para audiovisuais. No exterior quedarán os restos arqueolóxicos que se atoparon nestes anos de excavacións.

Imaxe: Roberto Regatos

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios