CRÍTICA DE ARTE

“Intentando golpear ideas”

O fotógrafo Damián Ucieda achéganos através da súa fotografía á conflitividade do noso tempo. 

arte

Fundación Luis Seoane
Damián Ucieda “Intentando golpear ideas”  (fotografía)
Comisaria: Antía Cea
Datas  17 Decembro 2014 – 1 Marzo 2015
 
Como tirar unha foto ao Ibex 35? 
“Paralizar o instante” era a frase mítica do fotógrafo  Henri Cartier Bresson. Correspondía aos tempos onde a foto comezaba a aproveitar a súa natureza instantánea e a decatarse do cambio tecnolóxico que ía propiciar. Até o momento, a foto non era veloz, as cámaras pesaban e o fotógrafo non tiña moita liberdade para escoller para onde mirar. 

Fai xa moito tempo disto, pero aínda se pode falar do “instante decisivo” vendo a exposición do fotógrafo Damián Ucieda na Luís Seoane.  Por que? Pois porque Damián escolleu uns instantes moi próximos do espectador. Instantes desacougantes, inverosímiles mais reais, que amosan unha visión case cinematográfica dunha historia, pero que foron momentos vividos e contados nalgún momento a alguén nestes últimos anos.   
  
Partindo dunha serie de xilografías de Luís Seoane que levan o mesmo título que esta exposición, Ucieda  presenta fotografías en formato grande, case real, dunha situación “conflitiva”.  A situación é xeral e aplicable a calquer telexornal de todos os días, (protesta na rúa,  especulación inmobiliaria, baixa o Ibex, hai paro.) 

"A imaxe non ten nada de espontánea, é un teatro completo que ironicamente remite a situacións coñecidas"

Dito así semellan uns temas moi manidos, mais como artista, a profesión é a de escoller para onde ver, e aquí Damián recrea estas sensacións dun modo máis aló do momento decisivo. Dálle a volta por completo ao concepto de Bresson.  Temos primeiro unha imaxe mental de onde partiu, un debuxo de ideas e despois, sumo coidado na preparación da toma.  Isto quere decir, que para contar estas historias hai menos tempo e máis lugar. Menos momento fotográfico (instante decisivo) e máis ordenación de atmósfera, de escenario.   

Por todo isto quizais as imaxes son aínda máis desacougantes, xa que nos presentan unha situación familiar mais dunha maneira ficticia, plantexada primeiro nun caderno, escenografiada.  A imaxe non ten nada de espontánea, é un teatro completo que ironicamente remite a situacións coñecidas.  A intención de todo isto é latente. Poderíase facer unha documentación do mesmo xeito, un traballo de campo moito máis doado? A resposta é si, mais, conseguiríase a mesma sensación de estrañeza?   Sen dúbida, non.  Recrear o estereotipo dun despido é moito máis cruel que botar a foto fugaz da persoa saíndo correndo da oficina. Amontoar as caixas, situar a personaxe no punto crítico, escoller a luz, a mirada, o sentimento exacto.  Neste caso, a ficción supera a realidade?  Somos máis conscientes así da gravedade?  

Para analizar este traballo fotográfico haberá que poñer a proba as nosas propias crenzas…

Máis en Arte imaxe patrimonio
comentarios