Homenaxe da XXXIV Semana internacional de cine de autor de Lugo a Ricardo Núñez

A edición deste ano do festival que organiza o grupo cinematográfico Fonmiñá entre o 17 e o 25 de setembro dedica varias actividades ao recoñecido autor betanceiro.
Cartel da 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo

A XXXIV Semana internacional de cine de autor, organizada polo grupo cinematográfico Fonmiñá en colaboración coa vicepresidencia da deputación provincial, dedica esta edición ao director, produtor e guionista betanceiro Ricardo Núñez Lisarrague (Betanzos, 1904-Palma de Mallorca, 1998). Entre as actividades principais inaugurouse unha exposición no refectorio do Museo Provincial de Lugo, presentouse o libro ‘Ricardo Núñez: O Emperador da simpatía’ de Manuel Curiel e proxectaranse no auditorio de NCG as películas "Nuestro culpable" (1938), "Stella" (1943), "La chica del barrio" (1967) e "Lo que cuesta vivir" (1967).

"Todos os anos dedicamos un espazo importante na Semana a un autor ou autora galeg@ relacionado co cine e esquecid@", afirma Manuel Curiel, membro do grupo cinematográfico Fonmiñá. Este colectivo, movido polo seu amor a todo o relacionado coa imaxe, comezou celebrando esta actividade no ano 1979 e ademais de cine xestionaron varias bienais de fotografía. Este apartado tamén ten presenza neste festival coa exposición de fotografía en lembranza de Toñi na Biblioteca da Deputación Provincial.
"A exposición e o libro despois viaxarán a Betanzos e estarán no Centro internacional de grabado que xestiona un familiar do propio Ricardo Núñez", informa Xulio Xiz, presidente do grupo cinematográfico Fonmiñá, "en Betanzos este cineasta é toda unha institución".

O grupo cinematográfico Fonmiñá, movido polo seu amor a todo o relacionado coa imaxe, comezou celebrando esta actividade no ano 1979

Unha vida co cine
Ricardo Núñez nace en Betanzos en 1904. Traballa na hostelaría (o seu irmán era o propietario do Café Kiosko Alfonso, na Coruña), unha actividade que lle serviría, tempo despois en Madrid, para coñecer o director Florián Rey e entrar no mundo do cine. Coas súas primeiras películas ("El pilluelo de Madrid" (1927), "Águilas de acero" (1927) e "La hermana San Sulpicio" (1927), acadou sona de galán e permitiulle participar con directores como Benito Perojo. Na guerra civil colabora coa República e realiza as películas "En busca de una canción" (1937) e "Nuestro culpable" (1938).
Coa vitoria de Franco e a ditadura ten que se exiliar en Arxentina onde continúa no mundo do cine. Comeza de cero, como admitiu nalgunha ocasión, dirixindo e producindo longametraxes. Xorden "Madre Alegría" (1950), "Fuego Sagrado" (1950), "Lo que fue de La Dolores" (1947) e "Villa rica del Espíritu Santo" (1945).
Regresa ao Estado español en 1955 e dirixe "La chica del barrio" (1956) e numerosos traballos máis até 1962 que continuará só como guionista e produtor. Morre en Palma de Mallorca en 1998.

Na imaxe Ricardo Núñez, primeiro pola esquerda, xunto a Mari Carmen Núñez e Miguel Ligero na película "Rumbo a El Cairo". 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios