Galiza presente en Photoespaña con seis fotógrafas e dous fotógrafos

Galiza participa nesta edición de Photoespaña con seis fotógrafas e dous fotógrafos. Expresividade interior, denuncia e creatividade contemporánea suman a presenza do noso país neste certame internacional.
Fotografia de Victoria Diehl
photo_camera Fotografia de Victoria Diehl

O fotógrafo galego Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) leva ao Círculo de Bellas Artes de Madrid a exposición Mar de fuera, unha visión moi persoal da natureza máis mística. Explorador na súa versión animal ou coa paisaxe en soedade, as imaxes de Vilariño son, en opinión do comisario da súa exposición Alberto Ruiz de Samaniego, "dunha luminosidade tranquila, interior (...) coma se a mirada gardase o temblor dunha bolboreta voando". A exposición estará aberta ao público até o 8 de xullo de 2012 mais pódese visitar virtualmente aqui.
Carla Andrade (Vigo, 1983) é a otra cara da moeda. Participa coa súa obra Camiño-Home-Fume, gañadora do Premio Diálogo-Foro de mulleres a unha artista feminina entre @s concursantes, na exposición "Convergencias" da Galería da Alliance Française de Madrid até o 31 de agosto.

Air_port_photo
Victoria Diehl e Juan Adrio comparten obra, xunto a outr@s creador@s, na mostra Air_port_photo, a Colección de Aena de Arte Contemporánea, despois de que participaran no premio da fundación do mesmo nome. As fotografías que agora podemos ver estiveron dispersas en diferentes aeroportos e agora compartirán espazo no Real Jardín Botánico-CSIC Praza de Murillo. Victoria Diehl (A Coruña, 1978), gañou en 2010 o IV Premio de Fotografía Aena e  Juan Adrio (Pontevedra, 1971), mestre do obradoiro de fotografía na Escola de Arte Antonio Failde de Ourense desde o ano 1999, resultou gañador do segundo premio de fotografía na derradeira edición. A exposición de AENA poderase visitar até o 22 de xullo.

Luz Paz, Ana Amado e Marta Marcos reivindican co seu proxecto a figura da arquitecta fronte a especulación

Cadelasverdes
Tres arquitectas, reunidas co nome de Cadelasverdes, tiveron hai uns anos a iniciativa de denunciar as consecuencias da crise no mundo da construción que xa afectaba a unha boa parte do territorio. Presentaron o seu traballo na sede do Colexio de Arquitectos de Galiza (COAG) e agora participan tamén en Photoespaña. Luz Paz, Ana Amado e Marta Marcos reivindican co seu proxecto a figura da arquitecta fronte a especulación. O seu proxecto colectivo propón unha reflexión crítica sobre a crise económica e as súas consecuencias. "Na actualidade asistimos a unha situación que está a provocar graves desequilibrios económicos en todo o mundo", sinalan na súa conta de Facebook. A súa obra alude especialmente ao emocional, recreando escenas familiares en espazos en obras sen rematar con un aspecto pouco doméstico e que probablemente nunca o chegará a ter. O proxecto propón a reflexión sobre unha sociedade que, arrastrada polo afán de convertirse en propietarios, esqueceu o verdadeiro sentido do habitar.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios