A Fundación Rosalía faise cun cadro descoñecido de Ovidio Murguía, fillo da poeta nacional

O lenzo, entitulado Árbore de montaña, estaba en posesión da familia Bustelo Calvo-Sotelo de Ribadeo e será restaurado no Museo de Belas Artes da Coruña.

murguia
photo_camera CC SA-BY Fundación Rosalía

A Fundación Rosalía de Castro vén de se facer co cadro Árbore de montaña, asinado por Ovidio Murguía, fillo da poeta nacional. O lenzo, que se atopaba en mans da familia Bustelo Calvo-Sotelo, en Ribadeo, é quizais un dos meirantes que pintou Murguía e, unha vez que remate o proceso para a súa restauración no Museo de Belas Artes da Coruña, pasará a facer parte do programa expositivo da Casa Museo xestionada pola entidade que preside Anxo Angueira. 

A obra non está catalogada porque nunca saíra da casa en que foi localizada. As primeiras informacións apuntan a que o cadro foi adquirido nas mesmas datas en que foi pintado, 1899, un ano antes da morte por tuberculose do seu autor, o único fillo varón de Rosalía de Castro.

Ovidio Murguía faleceu con 28 anos e sen levar a termo a derradeira encomenda que lle foi realizada: un conxunto de pezas para o salón de fumar do pazo de verán de Montero Ríos en Lourizán. O encargo chegoulle na emigración, en Madrid, onde continuaba coa súa educación autodidacta encetada aos 24 anos e tutelada a distancia polo seu pai, Manuel Murguía. 

O meirande lenzo pintado polo fillo de Rosalía

Cunhas dimensións de 190x130 centímetros, Árbore de montaña é, posibelmente, o lenzo de maior tamaño que pintou o fillo de Rosalía. A peza garda relación con outras dúas que recollen paisaxes da Serra do Guadarrama e que se conservan no Museo de Belas Artes da Coruña e no Museo de Pontevedra.

Porén, a diferencia destas dúas obras, na que vén de ser adquirida pola Fundación Rosalía a cimeira das montañas pasa a un segundo plano e o autor recupera fórmulas onde as árbores cumpren o mesmo papel que as figuras nas obras de composición, tal e como acontece nas paisaxes de finais do século XIX.

Localizada no Guadarrama, si, mais a protagonista é unha árbore senlleira, caducifolia, que desprega en maxestuosidade a súa copa ao pé dun regato. O propio Murguía chegara a escribir que "los paisajes con árbol son los que la gente entiende (...) y si puedes no dejes de poner aguas que ya sabes lo bien que hacen". Dous anos despois deste consello enviado a Madrid por carta, Ovidio Murguía pintou Árbore de montaña, peza que, segundo a Fundación Rosalía, tería sido unha encomenda da familia en cuxo salón estivo pendurada até hoxe. 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios