Estreouse en Lugo o documental 'Pacios, as fotos da memoria'

O fotógrafo Toño de López regresa á súa aldea familiar de Pacios para retratar os pouco máis de vinte veciños que continúan a vivir nela. O xornalista, escritor e cienasta Manuel Darriba vai canda el e recolle os pasos do proxecto para lle dar corpo ao documental Pacios, as fotos da memoria . 


O fotógrafo Toño de López abre de novo na primavera de 2011 a súa casa familiar en Pacios e retrata os seus veciños para un proxecto artístico en que se encontra de novo coa memoria da aldea. O xornalista, escritor e documentalista Manuel Darriba séguelle os pasos co fin de construír un documental en que se narra este encontro do artista coas súas orixes. Así nace  Pacios. As fotos da memoria, un filme que foi estreado na Deputación de Lugo e en breve se proxectará no ciclo do Museo do Pobo Galego en Santiago.

Toño de López retrata os últimos veciños cunha vella cámara de placas e recupera os recordos do seu pai falecido e da súa mocidade en Pacios."Foi un rencontro emotivo, alén da propia experiencia artística atopouse coas súas raíces" explica Darriba, testemuña de excepción do encontro. O fotógrafo desprázase ás casas aínda habitadas para elaborar un retrato crú, directo, captando a realidade en estado puro. O recibimento por parte dos viciños é amábel, como quen abre as portas nun día de festa para un dos seus. "Para eles foi unha ruptura da vida cotiá, algúns poñían roupa de domingo e recibían a Toño con alegría, como algo extraordinario" relata Darriba. Contra o que se puider supor, nin o traballo de Toño, nin o documentario de Manuel constitúen en si mesmos unha elexía da vida rural. "Tratábase de buscar unha experiencia artística, cultural e persoal. Constitúe, claro está, unha reflexión sobre o paso do tempo, a relación da vida e a arte e tamén testemuña unha realidade social das aldeas" aclara o director do documentario. 

Manuel Darriba entusiásmase ao coñecer o proxecto do seu amigo Toño de López e decide seguilo a Pacios. Seguilo significou, na produción do documentario, seguir os seus tempos, ser fiel e respectuoso co seu plano de traballo, actuar en función da construción do proxecto de Toño de López. Así nace Pacios. As fotos da memoria, un documentario no que os protagonistas son os veciños da aldea e o propio fotógrafo no seu regreso ás orixes familiares. 

O documentario foi visto xa nos festivais internacionais de Tesalónica (Grecia) e Lucerna (Suíza), e estará en xuño no Festival de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego (Compostela). Pacios foi producida por Tintimán Audiovisual, con Comba Campoy como produtora executiva e Cora Peña. Para Manuel Darriba trátase do máis persoal dos proxectos nos que participou, unha iniciativa autofinanciada que contou coa colaboración económica da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios