En Cobres é tempo de “Madamas” e “Galáns”

As parroquias de Cobres, en Vilaboa, celebran estes días o histórico entroido. Aliás das personaxes populares a terza feira terá lugar a Corrida do Galo.
Madamas e Galáns
photo_camera Detalle do cartaz do Entroido de Cobres 2013


Diversión e tradición, espectáculo e estética visual, música e danza. O entroido nas parroquias de Santa Cristina e San Adrián teñen e conservan o máis fondo da alma dunhas das zonas máis singulares do noso país. Milleiros de visitantes achéganse estes días ao concello de Vilaboa para seguir en directo, un ano máis, a herdanza que se transmitiu xeración tras xeración.

Na festa participa toda a veciñanza desde hai séculos. Textos do século XVIII xa falaban do "Antroido dos Cobres" mais hai investigador@s que falan dunha orixe aínda anterior.

O Entroido, de sábado a martes, comeza cedo. A partir das dez da mañá Madamas e Galáns visitan casa por casa a aquelas veciñas e veciños que por motivos de saúde non poden participar co resto destes días de troula. Con el@s vai a música. As gaitas preparan para o baile á comitiva e xunto a muiñeiras e xotas non falta a peza máis característica do lugar: a Danza dos Cobres. Unha das parellas entra nas casas para ledicia das persoas maiores que relembran os seus tempos mozos. Logo unha pequena doazón para seguir a festa e o estoupido das bombas para agradecer que @s da casa fosen esplendid@s.

A corrida do galo

Unha das tradicións que aínda conserva o Entroido de Cobres é a Corrida do galo. Celébrase o martes de entroido e consiste en "roubar" o galo que garda os "vellos" do lugar. Coa cara tapada e uns paus a modo de defensa, tentarán que @s máis nov@s leven ao animal, hoxe substituído por un saco cheo de area.
As variantes deste "xogo" propoñen que o galo pendure dunha grande vara enriba do río ou en posición vertical para que mozos e mozas tenten levalo e con el un premio en metálico.

Madamas, Galáns e outros personaxes

Polo entroido de Cobres pasan as diferentes clases sociais destas parroquias. Protagonizan o rol do poder as Madamas e Galáns, personaxes de posición e situación económica alta. Con el@s "os de branco", acompañantes das primeiras e dunha clse inferior. Por últimos aldeáns e aldeanas, figuras que complementan ao resto. Non pode faltar nunha festa crítica a presenza do "altofalante" dos problemas parroquiais, da sociedade e do país en xeral. O Predicador é quen repasará sucedidos, ruxe-ruxes e outros acontecementos como repaso do que aconteceu ao longo do ano. Por último, se visitamos Cobres atoparemos ás Choronas, mulleres de loito que choran pola perda do galo.

Na páxina do concello pódese consultar o programa oficial completo da festa deste ano e participar.  

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios