Dúas mostras abren a conmemoración do centenario de Granell

Inaugúranse esta semana, na Cidade da Cultura e no Museo do Pobo Galego, as dúas primeiras mostras que conmemorarán o centenario do nacemento de Granell. Serán en total seis exposicións as que abrirán as portas este verán para homenaxear ao creador surrealista.

Nesta semana inaugúranse as primeiras das seis exposicións que ao longo do ano celebrarán o centenario do nacemento de quen foi o maior expoñente galego do surrealismo.  Dende hoxe mesmo pode visitarse a exposición “O encontro na poética de Eugenio Granell”, na Cidade da Cultura, e na cuarta feira abrirá as portas a mostra que, no Museo do Pobo Galego, nos achegará á colección étnica do artista. Serán en total seis as instalacións que, en diferentes centros culturais de Compostela, renderán tributo a Granell.

Expostos por primeira vez

A exposición situada no Arquivo de Galicia, no Gaiás, reúne un total de 114 pezas do artista datadas entre os anos 40 até a súa morte, e entre as que podemos encontrar debuxos, óleos, gouaches, construcións, obxectos e fotografías. Entre elas, exhibiranse pezas de especial valor, como o caderno de debuxos realizados no 39, xa no exilio francés, e tamén obxectos persoais nunca antes amosados en público, como o cinceiro con forma de caveira atopado en Madrid, no oco dunha bomba da Guerra Civil.

A mostra xira ao redor da idea de encontro. O encontro como momento no que o creador ha de enfrontarse coa obra e tamén o encontro con eses elementos que nun determinado momento actúan como detonante do acto creativo. Tamén o encontro coa política, co conflito e coa traxedia,  e coa perda, que transpira na obra “La elegía por Andrés Nin”, sobre o horror do 36. Ou a converxencia, que a mostra tamén recolle, con persoeiros, como André Bretón ou Marcel Duchamp, que marcarían a súa vida e o seu discurso artístico.

A colección etnográfica de Granell

O Museo do Pobo Galego acollerá, deste esta cuarta feira, o máis representativo da colección étnica de Granell. O artista compartía, ao igual que outros compañeiros surrealistas, unha percepción do obxecto similar ao das culturas étnicas, que lle atribúen a máscaras, esculturas e outros obxectos un espírito propio que mesmo é quen de transformar a quen o porta.

A finais de xuño, o Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, estreará a terceira das mostras a el dedicadas, "O surrealismo hoxe". Ganduxará un percorrido cronolóxico pola súa traxectoria artística, con eixo na súa faceta de pintor, que reunirá ademais pezas doutros artistas que hoxe en día manteñen acesa a chama creadora do surrealismo.

En xullo, abrirán as portas as outras tres exposicións previstas para a conmemoración do centenario.  Na sede de NovaCaixaGalicia, e dende o 5 de xullo, poderemos achegarnos á produción de Granell hoxe en día en mans de distintas coleccións institucionais galegas. O día 13, o CGAC presenta a obra cinematográfica de Granell, a parte da súa produción máis descoñecida. E xa a partir do día 19, e no Auditorio de Galicia, será revisitada a etapa do artista en Centroamérica. A exposición amosará, a través da produción artística de Granell en República Dominicana, Guatemala e Puerto Rico entre os anos 40 e o 56, a súa fascinación polas culturas ancentrais do trópico.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios