Denuncian a destrución dun petróglifo en Castro de Laza

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza descubriu hai uns días que maquinaria pesada esnaquizou un importante petróglifo aínda sen catalogar. A desfeita afecta tamén a unha mina de ouro romana. Patrimonio non quixo facer declaracións sobre este tema.
O Petróglifo antes da desfeita

Os traballos de recuperación que realizou a Comunidade de Montes de Castro de Laza nunha devasa en Navallo, parroquia de San Pedro de Castro de Laza, provocaron a destrución dun importante depósito rupestre. O descubrimento levouno a cabo a Asociación Cultural Alto Támega de Laza que meses antes atopara, nesta mesma zona, un petróglifo e outros tesouros arqueolóxicos de incalculábel valor. Ademais desta desfeita, no mesmo lugar quedou afectada unha mina de ouro romana ao removerse a terra de varias canles de condución de auga e quedar soterrada pola terra.

“É unha zona dunha grande importancia patrimonial”, asegura Nieves Amado Rolan, arqueóloga e presidenta da Asociación Cultural Alto Támega de Laza, “nin tempo tivemos de catalogar o gravado que atopamos”. 

Os gravados constaban de entre 25 e 30 cazoletas ou coviñas, algunhas de tamaño moi considerábel, distribuídas por toda a superficie da rocha de lousa. "Cando menos, no recoñecemento do petroglifo, fixemos un croquis e unhas fotos que axuntamos para ilustrar esta pública denuncia". O lugar esta perto da Estación de Arte Rupestre das Pisadiñas en Laza, unha estación con dez penedos con gravados de ferraduras, podomorfos, cruces, coviñas, símbolos fálicos, mans... 

"Cando menos, no recoñecemento do petróglifo, fixemos un croquis e unhas fotos que axuntamos para ilustrar esta pública denuncia".

Patrimonio único

A Asociación xa puxera en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Ourense que na zona había restos arqueolóxicos de moita importancia mais non lles deu tempo a proceder á catalogación. “Estamos diante dunha estación de arte rupestre de lousa, nunha zona pouco estudada, e que ben podía formar parte dun lugar ritual importante na comarca”. Nieves Amado aventura que o petróglifo que afectado, denominado O Penedo das Grallas, pertencía a un período intermedio entre a Idade de Bronce e a de Ferro, 2000 a 500 A. X.c. “É unha arte esquemática atlántica, sintética, moi diferente da realista que atopamos na costa”.

En Laza xa hai catalogadas outras pezas e mesmo existen roteiros sinalizados e moi visitados en Laza. Os que agora desapareceron formaban parte dun conxunto que aínda estaba sen catalogar. “Tíñamos coñecemento dese depósito rupestre mais aínda non se catalogou, temos poucos medios”, apunta Carmen Gómez, arqueóloga da Xunta. Alfonso Seara, xefe de Servizo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Ourense, non quixo facer declaracións ao respecto.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios