Comeza Cans

Nove anos de traxectoria converten o festival de curtametraxes nun referente do audiovisual galego. O IX Festival de Cans comeza hoxe cun día dedicado @s veciñ@s e finalizará o 29 de maio coa proxección das gañadoras.
Sala de proxeccións en Cans

Os veciños e veciñas de Cans, como marca a tradición do festival, serán hoxe @s protagonistas da primeira xornada do IX Festival de Cans. O comezo oficial vai ser na rotonda da Adroza, onde @s veciñ@s van vestir o Can de Pedra coas súa mellores galas, poñeranlle un look elegante á altura do agroglamour do festival. Así mesmo, descubrirase un can xigante, de máis de catro metros, na Casa do Carreira, unha das emblemáticas salas do festival. Deseguido trasladaranse ao Baixo de Moncho onde dará comezo o Serán d@s Veciñ@s cunha nova sorpresa: Cans en pleno entoará unha canción que levan ensaiando meses. Ademais, terá lugar a presentación da revista oficial do festival, o CanZine, coa presenza dos seus artífices, Diego Giráldez e Amparo Rodríguez. Despois presentarase a revista de 20 anos de Tranvía. O Tranvía dixital, unha reedición da mítica revista porriñesa en versión dixital para a que contaremos coa presenza de Uxía; e proxectarase un avance do making of de Cans 2011, O ano que saímos na CNN, dirixido por Carla Rivera.

Un dos momentos máis importantes da noite será a presentación do terceiro xurado da historia do festival composto exclusivamente por veciños e veciñas da parroquia. Nesta edición intégrano Francelina Marino, do barrio do Castillo, unha rosquilleira de toda a vida retirada, que ten 74 anos; Manuel Giráldez, coñecido como Manolo da Costa da Rocha, que vive no barrio da Adroza, ten 71 anos e é construtor xubilado; José Quintas, ao que lle din Quintas das Sequeiras porque é o barrio no que vive, é matachín de Frigolouro retirado e ten 68 anos; Rosa Rodríguez, do barrio da Graña, que aínda que é Rosa de nome, todos a coñecen como Concha do Lameiro, traballou toda a vida no campo e segue ao pé do canón con 64 anos; e Flora Soliño, popularmente Flora de Merando, que vive no barrio dos Eidos, ten 36 anos e traballa habitualmente como transportista na empresa familiar. Para rematar a noite os veciños e veciñas ofrecerán un animado peche de festas con actuación das Pandeireteiras de Cans, as Feiticeiras e as Voces das Rías Baixas.

Un dos momentos máis importantes será a presentación do terceiro xurado da historia do festival composto por veciños e veciñas de Cans

Tralas Luces
Con anterioridade ao serán d@s veciñ@s proxectarase a longametraxe rematada dunha das Fillas de Cans, Sandra Sánchez, que estivo o ano pasado presentando o seu proxecto no festival. Tralas luces conta a viaxe de Lourdes, unha feiranta que percorre na súa caravana as estradas do norte de Estado español xunto coa súa familia e coa súa pista de coches de choque ás costas. O que hai anos era un soño hoxe afoga as esperanzas desta muller, sen que ninguén pareza decatarse.

A directora Sandra Sánchez quería facer neste filme un retrato colectivo da vida dos feirantes, pero no camiño topou coa historia de Lourdes, tan dura e real, que acaparou a súa atención. Por este traballo vén de gañar tres premios Mestre Mateo á mellor dirección, mellor longametraxe documental e mellor montaxe e de pasar pola sección Zabaltegui do Festival de San Sebastián.

Engurras
O xoves 24 o festival terá a súa primeira actividade matutina na sección Cans de Futuro, visitas guiadas para os colexios dos arredores, con proxeccións e coloquios deseñados especificamente para eles. Xa pola tarde a actividade trasládase ao Círculo Recreativo e Cultural do Porriño coa proxección do multipremiado filme de animación Engurras, baseado no cómic homónimo de Paco Roca (Premio Nacional de Banda Deseñada en 2008). Ao final haberá coloquio con Ángel de la Cruz, guionista do filme, e Manuel Cristóbal, produtor, que chegan a Cans logo de recoller 2 premios Goya (mellor longa de animación e mellor guión adaptado) e 4 Mestre Mateo (dirección artística, música orixinal, guión e longametraxe de animación).

A continuación terá lugar a esperada estrea absoluta da última película de Héctor Carré, Personal movie. Como peche da xornada desenvolverase a Noite V Clips no Bar Tubulart, con 20 videoclips a concurso e presentada pola actriz Isabel Risco, que tamén formará parte do xurado, xunto co xornalista Iago Martínez, o actor e organizador de eventos musicais Santi Romay e Germán Coppini, o mítico cantante da primeira época de Siniestro Total, que logo lle puxo voz a Alfonso Pato. Ao rematar Coppini ofrecerá unha sesión Dj, unha faceta súa pouco coñecida, aínda que ten pinchado en locais de Madrid e foi dj residente da sala Calle 54.

Pódese consultar toda a programación aquí.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios