As coleccións de arte de Abanca e Afundación, declaradas BIC

O Consello da Xunta de onte declarou Ben de Interese Cultural as coleccións de arte das antigas caixas, que inclúen un total de 3.883 obras de autores do talle de Laxeiro, Maruxa Mallo, Picasso, Castelao, Dalí ou Kandinski. 

arte-abanca
photo_camera Colección de arte de Abanca

As coleccións de Abanca e de Afundación son dúas das coleccións corporativas máis importantes do Estado. Tal e como establece a Lei 8/1995, de patrimonio cultural de Galicia, a declaración de BIC garante a máxima protección e unidade para esta colección, e a súa utilización queda subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. 

Con estas dúas declaracións conclúese o ciclo aberto o pasado mes de xullo coa declaración do Fondo bibliográfico e documental de Abanca; conxuntamente representan as primeiras declaracións de BIC do patrimonio moble das antigas entidades de crédito do conxunto do Estado. 

Trátase dunhas coleccións que xorden e medran ao abeiro da obra social das extintas entidades financeiras galegas. A partir de agora, estas coleccións de patrimonio moble declaradas BIC gozarán da máxima protección e tutela e a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Os propietarios están obrigados a coidalos e protexelos debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Ademais, calquera traslado ha de comunicárselle a Patrimonio para a súa anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural, indicando a súa orixe e destino, e se aquel traslado se fai con carácter temporal ou definitivo. Ademais, a modificación, restauración ou alteración doutro tipo requirirá autorización previa da dita Dirección Xeral, incluídos os cambios de uso. 

A colección de Abanca Corporación Bancaria ten as súas orixes nos conxuntos artísticos reunidos por Caixa Galicia desde finais dos anos setenta do século XX. O fondo está constituído por un total de 1.350 obras de 251 artistas galegos e universais como Castelao, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Luis Seoane; así como outros creadores de primeira fila como Picasso, Marc Chagall, Kandinski, Dalí ou Miquel Barceló. Pola calidade das pezas, trátase dunha das coleccións corporativas de arte máis importantes de ámbito estatal. 

No caso da colección de Afundación, Patrimonio acordou incoar o expediente para a declaración de BIC da súa colección de arte, consciente de que como conxunto resulta un elemento básico do patrimonio cultural de Galicia, polo seu carácter senlleiro e amplamente representativo da pintura galega moderna e contemporánea. Así se recoñecen e declaran BIC 2.533 obras de 485 artistas como Jenaro Pérez Villaamil, Bello Piñeiro, Fernando Álvarez de Sotomayor, Sobrino Buhigas, Alfonso Rodríguez Castelao, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Maruxa Mallo, Xulia Minguillón, Isaac Díaz Pardo ou Leopoldo Nóvoa.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios