Cineuropa enche de cinema independente o mes de novembro

Unha ducia de seccións, música, obradoiros e 152 filmes achegan até o 30 de novembro a Compostela o mellor cinema independente.
Arraianos
photo_camera Arraianos

A XXVI edición de Cineuropa reunirá entre o 8 e o 30 de novembro 152 filmes que se poderán visionar no Salón Teatro, na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, no CGAC e no Teatro Principal. O cinema independente estes días terá protagonismo a través de 12 seccións diferentes: Oficial, Panorama Internacional, Fantastique Compostela, Buenos Aires Connection, Retrospectiva Xavier Dolan, Retrospectiva João Canijo, Cineuropa-Docs (coa subsección "O mundo segundo Alexander Kluge: retrospectiva"), Cinefilias, Cineuropa Ten Cult Movies, Cineuropa Concerto, Panorama Audiovisual Galego e o Maratón Cineuropa.

Entre os filmes a salientar desta edición está o documental sobre Jimi Hendrix que abre o festival xunto a Bella Addormentata de Marco Bellocchio ou o peche con Linhas de Wellington de Paulo Branco. Polo medio veremos algúns dos traballos gañadores noutros festivais europeos como é o caso dos irmáns Taviani en Berlín e Haneke en Cannes. O cine do país estará representado polo Novo Cinema Galego e haberá unha representación do cine visionado en Sitges.

O cine do país estará representado polo Novo Cinema Galego

Concertos e actividades conplementarias

A música terá o seu apartado especial en Cineuropa co cine ambulante dos irmáns Lumieira os días 16, 17 e 18 de novembro na Zona C de Bonaval. Ademais haberá un Obradoiro de Debuxos Animados os días 23, 24 e 25 de novembro, para @s amantes do debuxo e o deseño.

As entradas estarán a disposición do público a través dunha web ou na Billeteira Única do Teatro Principal, que estará aberta todos os días a partir das 15:00 horas. Os prezos para os filmes son de 4 euros por entrada podendo adquirir una bono para 10 películas ao prezo de 30 euros. As proxeccións do CGAC e da Sala Mozart do Auditorio de Galiza son de entrada libre até completar aforo.

O programa completo de Cineuropa 2012 pódese ver aquí.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios