Catedral de Santiago S.A.

Levantado o segredo do sumario na investigación ao redor do roubo do Códice calixtino, coñeceuse a declaración de M.F., único detido por estes feitos. Segundo dixo, o roubo foi pactado co deán co obxectivo de lle dar publicidade ao manuscrito, que pasou un ano enteiro en paradoiro descoñecido até dar con el nun garaxe do Milladoiro e lucido despois nunha exposición aberta ao público en que recibiu, en oito días, máis de 12 mil visitas. Para alén das responsabilidades do ex traballador M.F., o acontecido co Calixtino pide a berros unha investigación económica en profundidade, pois a catedral conta con ingresos millonarios que non declara.

O roubo e posterior recuperación do Códice calixtino xunto a grandes cantidades de diñeiro en efectivo procedentes da catedral de Santiago, polo de agora 1,7 millóns de euros e 30.000 dólares, abriron o grande interrogante dos recursos económicos con que conta a cabido de Santiago e dos que pouca ou nula información temos. Segundo a propia policía todos os cartos recuperados proceden de roubos realizados ao longo dos anos polo ex-traballador da catedral.

Foi toda unha sorte que ademais levase control dos seus “ingresos” en libros contábeis. Cos tres recuperados, que pertencen aos anos 2004, 2005 e 2006, sabemos a cantidade total substraída posto que figuraba ao pé subliñada a cor vermella. Como exemplo temos que ao longo do ano 2004 sacou do templo un total de 250.000 euros en efectivo. Agora o electricista detido ten, entre as súas acusacións, unha por branqueo de capitais, un diñeiro que con anterioridade tampouco estaba declarado en Facenda.

Acordos coa Igrexa
A historia do descoñecemento total da maior parte dos ingresos que ten a catedral de Santiago, como pasa co resto de patrimonio con que conta a Igrexa católica española, vén de lonxe. Ao comezo da chamada transición, coa vista posta nun lavado de imaxe das relacións entre a Santa Sede e un Estado español con pretensións “laicas”, asínase un acordo en 1979 que substitúe o Concordato de 1953, en pleno franquismo. Nel xustificábase que “o patrimonio histórico, artístico e documental da Igrexa segue sendo parte importantísima do acervo cultural da nación; polo que a posta de tal Patrimonio ao servizo e goce da sociedade enteira, a súa conservación e o seu incremento, xustifican a colaboración de Igrexa e estado.”

No acordo quedou ben claro que na revisión do concordato anterior a Igrexa seguiría a ter no novo Estado español un “amigo”. O primeiro artigo do acordo afirma que “a Igrexa católica pode libremente solicitar dos seus fieis prestacións, organizar colectas públicas e recibir esmolas e oblacións”. Todas estas achegas que ingresa a diario non están baixo ningún control.

Ingresos na catedral
Como entran os cartos na catedral? Hai varias maneiras. As principais xa veñen indicadas na súa propia páxina web: esmolas de fieis, visitas ao museo e ás cubertas e o máis intrigante denominado “donativos varios”.

No interior do recinto relixioso sitúanse 23 petos distribuídos polas diferentes naves a carón das capelas e no propio sepulcro onde, supostamente, se atopan os restos do apóstolo. Tamén hai 20 máquinas de velas electrónicas que se acenden certo tempo por 0,10 euros, unha das innovacións que trouxo no seu momento certa polémica polos ingresos que achegaba aos postos de venda do exterior sen control eclesiástico. Unha das últimas novidades neste ámbito é unha pantalla que conta con velas virtuais, xestionada polo portal mivela.com, que se acenden previo pago a través dunha transferencia electrónica ou dunha mensaxe sms con custo económico. O sistema virtual tamén está presente no pagamento das misas que se pode realizar na propia páxina web da catedral e que ten un custo de sete euros cada unha.

A catedral tamén dispón de aluguer de espazos (o propio museo ofértase para congresos, presentacións de libros e actos varios) sen contar as achegas por cerimonias que se realizan no interior, desde vodas, bautismos até poñer a funcionar o botafumeiro en calquera momento por 300 euros.

Mais os ingresos menos coñecidos son os que proceden das propiedades inmobiliarias con que conta en todo o municipio. Segundo un informe presentado diante da Comisión europea polo BNG, a Igrexa católica posúe en Compostela 850.000 metros cadrados de bens de uso non relixioso e, segundo os datos que constan no catastro, trátase de máis de 200 propiedades que non tributan. Entre elas hai prazas de garaxe, edificios, hospedarías e estabelecementos comerciais. Algúns deles mesmo nos laterais do propio templo destinados á venda de ourivaría e recordos. Non é doado acceder a esta información, ninguén quere falar e remiten “aos curas da catedral”.

Un dos históricos edificios, sede actual da Fundación catedral de Santiago, é a Casa do Deán. Unha parte do baixo estivo en aluguer moitos anos a través da sociedade xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela. S.L (Unixest S.L.) como sede da tenda da universidade compostelá. Por este espazo pagábase cada mes 300.000 pesetas (1.803,04 euros).

Unha doazón, unha dedución
As doazóns voluntarias de fieis tamén contan como “non declarábeis” no acordo de 1979, e “exentas total e permanentemente dos impostos” para o cabido mais con beneficios fiscais para as persoas ou empresas que fagan a doazón, como asegura a propia catedral na súa web engadindo que sempre haberá un certificado de doazón ou un xustificante da transacción se a achega é a través do portal web. Os dereitos a dedución no imposto sobre a renda das persoas físicas entran na mesma clasificación que as que se entreguen a entidades declaradas benéficas ou de utilidade pública.

Para facilitar os ingresos, sen límite de cantidade, o cabido da catedral agradece “calquera achega que o visitante desta web desexe realizar para o mantemento da basílica e para poder acometer as distintas obras de restauración e conservación deste templo xacobeo”. A petición é polo menos curiosa xa que as diferentes actuacións que se realizaron nos últimos anos sempre estiveron financiadas por institucións e grandes empresas. Como exemplo temos os últimos convenios asinados pola Fundación catedral de Santiago o 28 de decembro de 2011. Neles o Consorcio de Santiago compromete unha cantidade de 2.545.000euros repartidos en tres anualidades: 295.281 euros en 2012, 823.000 euros en 2013 e 1.427.379 en 2014. A Xunta, a través da consellaría de Cultura, concederá un total de 4.282.137,00 euros a entregar en tres anualidades de 1.427.379,00 euros.

Como empresas e entidades colaboradoras oficiais da catedral figuran o BBVA, Jealsa, a Fundación Barrié de la Maza, Fundación Caixa Galicia e as dúas institucións antes mencionadas. A única relación do BBVA co cabido, segundo fontes do propio banco, foi a restauración en 2006 de 12 tapices de Goya. A polémica empresa do ex-alcalde de Boiro, Jealsa, figura como patrocinador dalgúns eventos do 800 aniversario da Catedral. A Fundación Barrié de la Maza e a de Caixa Galicia tamén colaboraron con actuacións varias no propio templo. No caso da primeira a achega foi de 3.000.000 de euros até este ano para a rehabilitación do Pórtico da Gloria, a Capela Maior e a ordenación dos museos catedralicios.

A estas colaboracións sumáronselle outras o ano pasado na celebración do 800 aniversario da catedral en que se investiron, segundo a propia Fundación catedral de Santiago, 5,5 millóns de euros en obras de restauración.

A fundación que xestiona
A catedral de Santiago creou unha fundación co propósito principal de realizar “programas de información, promoción e divulgación sobre a catedral, estabelecer programas educativos, realizar estudos e publicacións ademais de organizar visitas dirixidas a fieis, peregrinos e cidadáns ademais de realizar estudos e publicacións sobre a realidade das peregrinacións”. Naceu o 23 de xullo de 2008 e foi inscrita no rexistro de fundacións de interese galego dependente da consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A razón desta nova entidade era, segundo o propio goberno do cabido, facilitar a xestión de recursos tanto privados como públicos que recibía xa daquela a catedral.

Os gastos da propia catedral, segundo datos desta fundación, ascenderían a un millón de euros e neles entrarían os pagamentos ao persoal, o mantemento dos bens que garda, obras e reparacións e un apartado aberto denominado “gastos comúns”. Non hai memorias públicas das actuacións desta fundación onde poderían aparecer as cifras que faltan nesta historia. Os números exactos, sumados aos que a sabemos polas circunstancias do roubo do Códice, ben seguro que sorprenderían.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios