Carnota debaterá sobre a importancia das fortificacións galegas nas xornadas "De Castros a Castelos"

A plataforma Monte Pindo Parque Natural celebrará dous días de intervencións de expert@s en varios períodos da nosa historia ao redor das edificacións defensivas.
Monforte
photo_camera Monforte

Galiza conta cun patrimonio en fortificacións moi importante. A súa decadencia actual e unha mellor visualización deste noso tesouro é a razón pola que a Asociación Monte Pindo Parque Natural celebrará as Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño.

“Non se fixo nunca nada tan amplo deste tema, centrado nos elementos constructivos e de habitabilidade”, sinala Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, “darase unha visión conxunta a nivel galego e tamén da zona de Carnota”. A idea da organización é que a veciñanza sexa co-partícipe do patrimonio que teñen ao seu carón. “Farase un repaso ás funcións que tiñan moitas destas edificacións e mesmo identificar a quen as habitaba”.

O carácter académico das xornadas, con participantes de primeiro nivel, terá tamén un carácter didáctico achegado a todo o mundo. “Queremos que se lle poña nome e apelidos ao proceso histórico nunhas construccións que se abandonaron hai 1.000 anos cando xirou o centro de poder cara outros territorios”.

Extenso programa

Tres grandes períodos da nosa historia tiveron como protagonistas as construción de estruturas defensivas e militares: a cultura castrexa e a romanización, a tardoantigüidade e a Idade Media.

As xornadas comezarán o sábado 1, a partir das 10 da mañá, co primeiro dos apartados e a intervención de Rafael M. Rodríguez Martínez, licenciado en Historia pola USC, Xurxo M. Ayán Vila, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Luis Cordeiro Maañón, licenciado en Historia pola USC, Antón F. Malde, arqueólogo e director do Proxecto Torre dos Mouros, e Felipe Arias Vilas, Licenciado en Filosofìa e Letras pola USC e director do Museo do Castro de Viladonga.

Ese mesmo día, pola tarde, falarán da tardoantigüidade José Carlos Sánchez Pardo, licenciado en Historia e doutor en Historia Medieval pola USC, Manuel Gago Mariño, xornalista e director de culturagalega.org, Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC, Antón F. Malde e Mario Maceiras Dosil, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Ao día seguinte, a partir das 9:30 horas, o tema serán os castelos medievais ata a súa destrución pola revolta irmandiña. Intervirán Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB, Julio Vázquez Castro, profesor de Historia da Arte na USC, Xosé Manuel Sánchez Sánchez, arquiveiro da Catedral de Santiago, Natalia Conde Cid, licenciada en Historia da Arte pola USC, David Chao Castro, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, e Anselmo López Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC.

A organización facilita a asistencia daquelas persoas que veñan doutros lugares do país coa posibilidade de aloxamento e xantar.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios