A Axencia de Turismo non revela o custo total da exposición do Gaiás Auga Doce

O BNG perguntou cal é o custo total da exposición Auga Doce no Gaiás. A Axencia de Turismo da Galiza contestou literalmente: "A historia da Galiza está ligada 'ao' auga", sen citar nengunha cifra sobre o desembolso público que fixo. De momento só transceu un gasto de 659.000 euros para montaxe e transporte.

auga doce
photo_camera [Cartaz da exposición]

"A historia de Galiza está ligada ao auga [sic] Galiza conta cunha marabillosa costa". Así de descritiva é a resposta que a Xunta de Galiza remitiu por escrito ás deputadas do BNG Tereixa Paz e Carme Adán após elas preguntaren cal era o custo íntegro e o retorno previsto nesta exposición Auga Doce, realizada na Cidade da Cultura e da cal só transcenderon dúas cifras: 226.000 euros para a montaxe e 433.000 euros para o transporte das obras que fan parte da mostra. 

Malia que a Lei de Transparenza de 2006 estabelece que os desembolsos realizados polo goberno galego son públicos, o certo é que a resposta facilitada polo executivo que preside Feijóo non achega dado nengún. Moi ao contrario, a Axencia de Turismo de Galiza --organizadora da mostra--, divaga ao longo de dúas páxinas sobre os motivos que inspiraron a mostra, mais non se centra en ningún momento no que lle foi preguntado. 

O organismo público que dirixe Nava Castro fai saber a Adán e Paz que "Galiza conta con máis de 800 praias das cales 127 teñen o distintivo 'bandeira azul' que converten o noso magnífico litoral nun recurso variado que amalgama os acantilados máis altos da Peníncula Ibérica coas augas máis tranquilas do vello continente, navegábeis os 365 días do ano". As nacionalistas saben tamén, grazas a esta resposta, que "no noso solo están catalogadas máis de 300 captacións o que conleva a existencia dunha por cada 10.000 habitantes". 

Explica a Xunta que a exposición se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, mais nada di sobre o custo total da mostra nen sobre se vai permitir o retorno dos 659.000 euros públicos que xa foron desembolsados.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios