Artistas galeg@s en Monção


A asociación 'Alterarte' de Vigo promociona a obra de pintor@s de Galiza en Portugal. A nova directiva quere contar coas institucións galegas na potenciación e difusión en exposicións, feiras, espectáculos e outros eventos.

A pintora Ehlaba
photo_camera A pintora Ehlaba coa súa obra no Paço do Albarinho

Alterarte fundouse en 2005 e conta na actualidade con 29 artistas que decidiron promocionar a súa propia obra a través de autofinanciarse as exposicións. En decembro do ano pasado accedeu á presidencia Andrés Paradelo que anunciou varios cambios coa intención de activar a presenza da entidade en lugares onde até entón non chegara. "Temos a intención de convencer ás institucións públicas de que promocionen máis a artistas de Galiza", indica. Entre os estilos que traballan teñen máis éxito a arte figurativa, o impresionismo e a acuarela.

Alterarte organiza actos e actividades como exposicións, feiras, espectáculos e outros eventos que potencien a difusión da arte galega.

Os primeiros contactos non foron moi positivos, segundo comenta. "No MARCO dixeron que non entrabamos na súa liña de arte contemporánea". Agora están en conversas co concello de Vigo ode residen boa parte dos seus membros. Unha das institucións que si responderon foi a da Câmara Municipal de Monção que lles cedeu de xeito gratuito o Paço do Albarinho. Alí teñen unha mostra de artistas galeg@s na Casa do Curro de Monção. As 33 obras que se poderán ver son de Ehlaba, Carmen Balbuena, Marta Pérez Lozao, Tania Ulloa. José Antonio Azpeitia, Mercedes Gozalo, Ángeles Jorreto, Monti, Andrés Paradela, Pilar G. Mourin, Constantino Gonzalez e Santiago Jorge. A exposición leva por nome "Alén do Miño 2012" e estará aberta até o 31 de xullo en horario local de 9:30 a 12:30 horas e de 14 a 18 horas. 

Alterarte
A nova asociación 'Alterarte' (Asociación para a Promoción da Arte Galega Actual) ten como principais obxectivos conseguir unha promoción e difusión reais, eficaces e eficientes das creación máis actuais dos artistas galegos contemporáneos e promover unha verdadeira posta en valor do patrimonio artístico e cultural autonómico. Ademais a idea de Alterarte é dinamizar o ambiente cultural galego e ofrecer un lugar de encontro d@ artista que lle serva como ferramenta de formación e intercambio da actividade creadora. Para acadar eses obxectivos organizan actos e actividades como exposicións, feiras, espectáculos e outros eventos que potencien a difusión da arte galega.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios