sábado 30.05.2020

'Toda a estrutura do audiovisual que se creou, hoxe está desmantelada'

Anxo Santomil recibiu hai uns días a insignia de ouro pola súa traxectoria na industria do cine e na organización das súas primeiras Xornadas de Cine e Vídeo en Galiza (XOCIVIGA) das que logo foi coordinador (2002 a 2005). Foi, asemade, un dos impulsores e fundadores da Federación de Cine Clubs de Galiza (1984) e ocupou o cargo de vicepresidente na Confederación de Cine Clubs do Estado Español durante varios anos. Máis recentemente participou no proxecto "Cinemas Dixitais", da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza.
Anxo Santomil
Anxo Santomil

Anxo Santomil coñece o cinema galego por dentro e por fóra. Dirixiu diversas experiencias audiovisuais no ensino e participou no equipo de produción, como rexedor, nos filmes "Sempre Xonxa" (1989) e "Camiño das Estrelas"(1993) de Chano Piñeiro, e "A Lenda da Doncella (1994) de Juan Pinzás. A homenaxe que lle dedicou as XOCIVIGA, xunto ao actor Miguel de Lira,  recoñece o seu traballo e permítenos preguntarlle sobre a situación actual do audiovisual galego.

Que sentiu cando lle rendiron esta homenaxe?
Unha profunda gratitude porque sentía o que significaba. Lembrei aqueles tempos cando comezabamos.

Como foron os inicios do XOCIVIGA?
Eran realmente uns tempos onde calquera comezaba a facer promoción do cinema galego. Os recursos eran moi precarios. A distribución e promoción do cinema galego practicamente non existía. Estaba cheo de romanticismo e entusiasmo. A idea xurdira da Dirección Xeral de Cultura que estaba dirixida, daquela, por Luís Álvarez Pousa. Trataba sentar as bases dunha futura industria audiovisual galega. Eran os anos 80.

Mudou moito a situación a hoxe...
O audiovisual galego mudou moito desde aquela. Estaba reducido a un número moi pequeno de curtametraxes. Os realizadores eran autodidactas, sen ningunha escola de formación. Hoxe contamos con profesionais moi apreciados non só aquí senón a nivel de todo o Estado español. No 2009, por exemplo, estreáronse moitas longametraxes e curtametraxes. Despois de Catalunya a nosa quizais sexa a industria máis importante. Neste momento, alén da crise global e do sistema de producción, o audiovisual galego pasa por momentos moi complexos, tamén a nivel profesional.

O anterior goberno da Xunta tiña previsto hai uns anos a creación dunha rede de distribución aquí na Galiza

Un dos problemas pode ser a distribución?
O anterior goberno da Xunta tiña previsto hai uns anos a creación dunha rede de distribución aquí na Galiza. Serían unhas 30 ou 40 salas de dixital. Ao mesmo tempo había outro proxecto, que eu coordinaba, que preparaba unhas 350 salas en toda Galiza na que se ofrecería cine galego, sobre todo do chamado cine paralelo, o que son os novos creadores. Promocionaría á xente nova que fai curtametraxes, documental e cinema de animación. O futuro estaba aí, na distribución dixital, primeiro a nivel do territorio galego e despois a nivel do Estado e internacional. Despois este proceso quedou paralizado. Toda a estrutura que se creou, hoxe está desmantelada.

Cal pode ser a razón de que non se continuara?
Porque os responsábeis hoxe da Xunta de Galiza non teñen interese ningún no tema. Nin en solventar o problema nin en manter o que se acadou até entón. Pasouse, daquela, de ter divididas as competencias do audiovisual a crear unha base, doutro xeito agora non habería nada. Agora desapareceu a Axencia Audiovisual Galega, desapareceu o Consorcio e non teño noción de que haxa algún tipo de organismo na Xunta que se ocupe do audiovisual. Pasou a mans de Agadic que o único que fai é convocar axudas.

comentarios