Amador Lorenzo: "Non quero documentar a realidade"

Fotoxornalista de vocación, o gañador desta edición do Premio Luís Ksado sentiu ilusión polo recoñecemento do seu traballo. "Tudo isto é Fado" mereceu o galardón pola súa "lectura intimista e poética con resultado plástico de gran forza visual".
Amador Lorenzo, fotógrafo
photo_camera Amador Lorenzo, fotógrafo

Amador Lorenzo Blach (Bueu, 1976) gañou o premio de fotografía da Deputación da Coruña despois de que o xurado formado por Manuel Outumuro, Joan Fontcuberta, Manuel López, José María Díaz Maroto e Xurxo Lobato escollese o seu traballo entre os 170 presentados. Fotoxornalista e cámara de televisión, xa foi finalista no ano 2007. Nesta ocasión a reportaxe “Tudo isto é fado” mostra a outra cara do país irmán.

Que significou gañar esta edición do Luís Ksado?
Moita ilusión. Non o esperaba, a verdade.

Que Portugal descubriu?
Un Portugal con moita saudade que eu tentei transmitir. O título mesmo é o dunha canción de Amalia Rodrígues.

O xurado fala de "lectura poética e intimista"...
Un pouco como veño traballando eu nos últimos anos. Non foi nada premeditado. Sáeme como algo natural esta forma de traballar. Tento poñer o meu selo nas fotografías. Se cadra miro máis cara a min que cara a fóra. Traballar máis o interior que o exterior.

"Tento poñer o meu selo nas fotografías"

Nos teus traballos anteriores hai viaxes exteriores, físicas, como a de Marrocos ou esta de Portugal, e outras interiores, como a experiencia de "Trazos na parede", máis intimista. As temáticas xorden ou son forman parte da casualidade?
Xorden. Os de Portugal e Marrocos son viaxes que fago eu coa cámara. Retrato o que vexo. Non quero documentar a actualidade, son sensacións. Interésame máis ese punto de vista.

Traballaches como cámara de televisión e agora como redactor gráfico. Cal é o soporte do que gostas máis?
Para un traballo deste tipo coido que unha galería un papel é a forma máis axeitada. Miras as fotos no seu conxunto. É un traballo, non unha fotografía soa. Para transmitir esa sensación, esa emoción, tes que ver o conxunto. En internet non as ves no seu conxunto e a sensación é diferente. O espazo creo que tamén é importante cando miras algo. Gústame moito o fotoxornalismo.

Que opinas da situación actual do sector do fotoxornalismo en Galiza?
No século da imaxe ten pouco peso. Non sei o motivo, non son moito de reflexionar sobre este tema. Gústame traballar e saber que o fago ben. Na prensa debería funcionar xunto ao texto. Para a persoa que merca xornais sería positivo. Agora valórase pouco mais tal e como está a situación, traballar xa é moito.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios