Adega adquire o Castro de Remonde para a súa protección e posta en valor patrimonial

O proxecto, dirixido polo profesor Manuel Gago, da USC e especialista en xestión do patrimonio, estará orientado de forma directa e estratéxica cara a formación en todos os seus aspectos.

adega castro

Esta fin de semana arrancou o proxecto do Castro de Remonde (Palas de Reis) un espazo adquirido por Adega e a Fundación Eira para a custodia e posta en valor do noso patrimonio, dirixido por Manuel Gago. “Unha iniciativa popular para preservar e valorizar as nosa historia milenaria”, como explican desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza.

O proxecto está promovido por Adega que para tal fin creou a Fundación Eira, “focalizada no traballo e nos valores ambientais, ecolóxicos e culturais exemplificados na Eira da Xoana”. 

Dentro dos proxectos de custodia do territorio e adquisición de terras de valor ambiental e cultural, a Fundación Eira mercou Castro de Remonde para a súa custodia, posta en valor e preservación para o futuro. Pero, ademais, explican desde a Fundación Eira, “buscamos dispoñibilizar un espazo no que poidamos coñecer a evolución histórica da cultura e da paisaxe de Galiza, nucleado arredor espazo cultural e ambiental composto polo Castro de Remonde e o Castelo de Pambre”.

Coñecemento

O Castro de Remonde é un dos elementos dun importante contorno cultural da Ulloa que permite coñecer as transformacións na cultura e na xeografía galega desde a Idade do Ferro, pasando pola Alta e Baixa Idade Media, ata a sociedade tradicional do século XIX, todo nun territorio pequeno e accesíbel para todo tipo de públicos.

O proxecto, dirixido polo profesor Manuel Gago, da USC e especialista en xestión do patrimonio, estará orientado de forma directa e estratéxica cara a formación en todos os seus aspectos.
 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios