Acusan de 'fraude' a proposta do Camiño Primitivo en Lugo

O Foro do Camiño Primitivo denuncia que o trazado oficial no seu paso por Lugo 'atenta contra os valores culturais e de identidade histórica' e advirte que denunciarán diante da UNESCO as numerosas irregularidades.
Peche e palco de festa no Camiño Primitivo en Lugo
photo_camera Peche e palco de festa no Camiño Primitivo en Lugo

Que pensarían @s milleiros de peregrin@s que veñen a Compostela se lles dixesen que non fixeron o auténtico Camiño de Santiago? Se algo así pasase agora, anos e anos despois dunha grande inversión económica para promocionar a marca do “Xacobeo”, o fracaso sería de magnitudes inimaxinábeis. Eis a denuncia do Foro do Camiño Primitivo (FCP), formado por unhas trinta entidades e investigador@s, que aseguran que a proposta de trazado da vía máis antiga presentada pola Xunta á UNESCO ten erros graves. 

“Non queremos que se consolide esta pantomima en que non figuran mesmo algúns hospitais de peregrín@s”, asegura o profesor da USC Ricardo Polín, un dos expertos que forma parte do FCP e que denunciou as irregularidades do proxecto presentado polo goberno galego nas instancias internacionais. As primeiras denuncias apuntan á proposta de delimitación ao seu paso polo municipio de Lugo onde, segundo o FCP, “vulnérase reiteradamente a obriga de investigar e contemplar a recuperación do itinerario tradicional do primeiro camiño xacobeo, desentendéndose con absoluto descaro das presuntas apropiacións da vía pública e derivando nestes casos a calzada orixinaria ás estradas máis próximas”. A denuncia achega datos concretos. Entre outros a omisión do hospital de peregrinos de Santa María de Gondar ou o tramo entre Bascuas e o campo da festa de Carballido, presuntamente apropiado. “Unha parte do camiño está en mans particulares e os veciños ven como @s que usurparon o trazado orixinal marchan sen que lles pase nada”, apunta Polín, “ten un poder simbólico moi grande posto que foi a primeira calzada d@s que viñeron a Fisterra, non era unha simple campaña propagandística.”

Perda de autenticidade
“O Camiño de Santiago chegou a hoxe polos seus valores, polo respecto e o seu significado”, sinala doído Ricardo Polín. Sabe do que fala despois de vinte anos de investigación sobre o Camiño Primitivo. Na denuncia do FCP poñen en evidencia que quedan fóra do trazado as igrexas de Santiago de Meilán, Santiago de Saamasas, a Cruz do Burgo, o pazo de Recimil de Poutomillos, o Castro de Canedo, o vía crucis da capela medieval de Santa Locaia á igrexa de Carballido e o santuario tardorromano de Santalla de Bóveda. Para o FCP é unha “auténtica adulteración” sen ningún rigor histórico polo que a UNESCO podería denegar o tratamento de patrimonio mundial se non se solucionan con urxencia estes erros na proposta oficial.

Eivas na cartografía
O FCP avisa de que hai unha “evidente falta de precisión gráfica na cartografía utilizada, eiva multiplicada pola ausencia detallada de toponimia camiñeira de carácter histórico e dos elementos do patrimonio cultural e paisaxístico”. Segundo a lei, aprobada por unanimidade no Parlamento por todos os grupos políticos, defínese a recuperación dos camiños a Compostela a través de traballos “rigurosos” que agora, segundo denuncia Ricardo Polín “non se teñen en conta posto que de ser así para recuperar o trazado orixinal habería que chegar mesmo á expropiación.”

A presentación do trazado para que se realizasen alegacións no mes de agosto foi outra das accións que molestou e moito ao FCP

Denuncia
“É lamentábel que, malia o grande investimento realizado con fondos públicos para a xestación deste proxecto de delimitación e os vinte anos que levamos agardando por el, non acade nin os mínimos requirimentos contemplados pola lei de integridade e autenticidade histórica”, apuntan no FCP. A presentación do trazado para que se realizasen alegacións no mes de agosto foi outra das accións que molestou e moito ao FCP. “O ano pasado polo verán tocoulle ao Camiño Francés, tamén presentado no verán cando todo está paralizado... e iso que xa era Patrimonio Mundial!”, denuncia Polín.
O FCP asegura que se a Xunta non rectifica a proposta oficial denunciarán o caso diante da propia UNESCO para que suspenda de xeito cautelar o proceso para a declaración de Patrimonio Mundial do Camiño Primitivo.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios