Achan arte rupestre paleolítica na Cova Eirós

O Grupo de estudos para a prehistoria do noroeste (GEPN) da USC, xunto cunha equipa do Institut català de paleoecologia humana i evolució social da Universitat Rovira i Virgili, en Tarragona (IPHES), acharon na última escavación nesta cova de Triacastela mostras artísticas da época paleolítica nas paredes.

 

Todo comezou por un colgante feito cun cairo de animal que se atopou hai catro anos, na primeira das escavacións: o canino serviu para testemuñar a presenza humana no noroeste peninsular desde hai uns 26.000 anos, en pleno período álxido da última glaciación. Nas seguintes escavacións acháronse outros elementos de industria ósea propios do Paleolítico superior, como unha azagaia decorada. No Paleolítico medio, cando a cova estaba ocupada por neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita. Isto convértea en xacemento de referencia no norte peninsular para estudaren as similitudes e diferenzas entre dúas especies de humanos (sapiens e neandertal).

As evidencias de arte rupestre prehistórica suporán a declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC). Cova Eirós revélase como a primeira manifestación de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular. Os paralelos máis próximos están nas representacións ao aire libre dos vales fluviais de Foz Côa e Alto Sabor, no norte de Portugal, e nas cavidades de La Viña, Peña de Candamo ou Pena Oscura, na cunca do río Nalón (Asturias).

O reitor da USC, Juan Casares Long, gabou “a cooperación interuniversitaria en materia de investigación” que facilitou este proxecto, e tamén o conselleiro de Cultura, educación e ordenación universitaria, Jesús Vázquez, salientou "o excelente nivel científico do equipo multidisciplinar que se ocupa das intervencións arqueolóxicas". Para a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, o achado "coloca definitivamente Triacastela no mapa".

Pinturas con carbón vexetal e gravados

Ramón Fábregas, investigador principal do proxecto “Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galiza”, do Ministerio de Economía e director do GEPN, asegurou que desde o comezo dos traballos neste xacemento existía a sospeita de que se podían atopar evidencias deste tipo. Dado o estado de conservación dos motivos, que non ofrecen formas recoñecíbeis a primeira vista, fixéronse varios estudos baseándose en criterios técnicos, analíticos, morfolóxicos e estilísticos.

A maioría dos motivos aparecen concentrados nunha gran sala no interior da cova, sobre todo na parede leste. Nos estudos preliminares identificáronse pinturas en negro e gravados: as primeiras, que usaron carbón vexetal como pigmento, atópanse nun panel principal formando contornos de animais incompletos, ringleiras de puntos e marcas na parte inferior das paredes, por veces feitas para resaltaren morfoloxías naturais das paredes que suxiren figuras zoomorfas. Mais os motivos máis numerosos son os gravados: hai sucos con seccións en “V”, provocados pola incisión con ferramenta de pedra, e delineacións rectilíneas e sinuosas.

Poden abranguer dous momentos do Paleolítico superior: o Graveto-Solutrense, e o Magdalenense, hai uns 30.000 anos, no caso dos vestixios máis antigos. Porén, non se debe desbotar a existencia doutras manifestacións correspondentes a outras etapas, menos históricas ou da Prehistoria recente, debido ao longo período de uso da cavidade.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios