A Xunta elimina o Museo de Galiza

O Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018, presentado por Jesús Vázquez, muda nomes e redefine usos dalgúns dos edificios. Afirman que van reducir o orzamento do Gaiás un 50 por cento, datos que o BNG calificou de "propaganda".
Presentación do Plan Estratéxico do Monte Gaiás

A presentación do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura até 2018, sen dar moitos datos sobre o seu funcionamento e futuro, centrouse en anunciar que se ían mudar os nomes e redefinir os usos dos diferentes edificios, algo que este goberno xa realizou con outros proxectos como as Galescolas e que supuxo, en si mesmo, un importante gasto económico. Desaparece o Museo de Galiza que pasará a chamarse Museo Centro Gaiás, e a Biblioteca de Galiza acollerá tamén o Arquivo. O que figuraba antes como Arquivo pasará, daquela, a ser o Centro de Emprendemento Creativo de Galiza. O último cambio será o do edifico de Servizos Centrais que se denominará Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galiza. Deste xeito elimínase a posibilidade de darlle un contido "nacional" ao conxunto que máis inversión cultural concentrou en toda a historia do noso país.

O BNG respondeu xa ao anuncio do Conselleiro por medio da portavoz do grupo parlamentar Ana Pontón quen afirmou que o hoxe apresentado chega tarde e "demostra o fracaso do PP na xestión do complexo e non aporta nada sustantivamente novo respecto do que se leva feito até o de agora". Ao seu ver, os obxectivos financieiros presentados non son críbeis e o axuste orzamentario debería pasar "polos gastos correntes e de funcionamento" ao tempo que dubidou de que o financiamento privado, en tempo de crise, vaia chegar aos 4,5 millóns previstos. Lamentou que o documento do Plan non fora aínda entregado aos grupos parlamentares que o debaterán o próximo martes mentras organizan un acto que definiu como "propaganda".

Paralización de edificios


A redución nun 50 por cento do orzamento anual do Gaiás e a paralización de dous dos edificios aínda sen rematar, polo menos até o 2018, é unha novidade que se xa pensaba como posíbel polos tempos que corren. O problema da financiación, na presentación tamén participou a conselleira de Facenda, deixouse aberta a posibilidade de investimentos privados e públicos. Neste campo sorprendeu a iniciativa de Jesús Vázquez, a modo de rescate económico, de acceder a fondos europeos. 

Vázquez anunciou que se solicitarán fondos europeos para o Gaiás

Outra das novidades do Plan Estratéxico é a creación dun viveiro de empresas culturais que funcionaria no que até o de agora era o Arquivo. Acollería a un total de setenta empresas e precisaría realizar algúns cambios interiores no edificio para a súa adaptación. A última novidade sería o traslado da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ao Gaiás.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios