A produtora Nós estrea a serie 'Imos de viños' na galega

O viño galego protagoniza este novo traballo da produtora galega. O director, Xosé Luís Ledo Andión, volve ao xénero televisivo despois da serie 'O corpo da alma'.
Irmandade dos viños no programa Imos de viños
photo_camera Irmandade dos viños no programa Imos de viños

A nova serie que hoxe estreou a TVG viaxará por todo o país tendo como protanonista aos viños galegos. Festas, catas, adegas e viticultores nuns programas cheos de historias que presentará a actriz Susana Sampedro. Agás no primeiro programa de hoxe que funcionou como presentación dos seguintes, o guión conta con tres historias en cada capítulo. Unha das características que distinguen o programa é a música: feita en exclusiva polo creador arousán Fernando Peón e que nos acompañará en diferentes videoclips ao longo da serie.

Entrevistas
Nos 13 programas de que consta a serie aparecerán entrevistas a diversas persoas que poden aportar información sobre o viño galego. Así pola serie pasarán Nemesio Barxa, Xavier Castro, Isidro Novo, Alfredo López, Laura Gaioso, Xosé Posada, José Luis Cuerda, Lola Hernández, Alfonso Tellado, Alberto García e Carlos Nuevo.

O director da serie, Xosé Luís Ledo Andión (Castro de Rei, 1947), volve ao xénero televisivo despois da serie O corpo da alma tamén emitido na canle primeira da TVG. No sector audiovisual xa realizou varios documentais como Retratos (1998) e Bestas (2002).
A parte desta serie Nós, Produtora Cinematográfica Galega, S.L. está a piques de estrear nas salas a película de Margarita Ledo Andión A cicatriz branca.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios