A etapa centroamericana de Granell lémbrase no Auditorio da Galiza

No exilio do pintor coruñés en Guatemala, Santo Domingo e Porto Rico coñeceu a importantes autores surrealistas. Na mostra hai documentos do seu arquivo persoal, algúns que se ensinan publicamente por primeira vez.

Con motivo da celebración do centenario do nacemento de Eugenio Granell a Fundación Granell inaugura hoxe ás 20:30 horas a exposición ‘Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940-1956’. Nela lembra a etapa na que o pintor surrealista viviu en Guatemala, Santo Domingo e en Porto Rico até que en 1956 se mudou a Nova York onde foi profesor de literatura. É, ademais, o recordatorio e homenaxe da mostra retrospectiva que no ano 1993 ocupou a sala de exposicións do mesmo Auditorio.

A comisaria da mostra, Pilar Corredoira, seleccionou unha serie de obras do pintor galego que nos permiten coñecer a fondo a etapa do exilio en Centroamérica. Foi o momento no que Granell establece amizade con importantes autores surrealistas como André Bretón, Roberto Matta ou Wifredo Lam.

Documentos do seu arquivo persoal, algúns que se ensinan publicamente por primeira vez,  e que convidan á investigación sobre Granell


Na exposición hai documentos do seu arquivo persoal, algúns que se ensinan publicamente por primeira vez,  e que convidan á investigación sobre Granell e o seu mundo. Obras de Eduardo Abela, Víctor Brauner, Max Ernst, Jose Gausachs, Simon Hantaï, Maruja Mallo, Joan Miró, Francis Picabia, Antonio Saura, Vlady Serge  e Saul Steinberg transmiten e completan o mundo do artista coruñés daqueles anos.

A exposición permanecerá aberta até o 4 de novembro. Ademais, co motivo do centenario do artista, xa podemos visitar outras exposicións na Cidade da cultura, no Museo do Pobo Galego e na Fundación Granell en Bendaña. Coa que se inaugura hoxe, quedan pendentes dúas novas citas en Novacaixagalicia e no CGAC.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios