A Cidade da Cultura prepara a exposición menos austera da historia de Galiza

A Cidade da Cultura fechou o Museo de Galiza o día 14 de maio para proceder á instalación da que será a exposición máis custosa da historia de Galiza. Con Gallaecia Petrea trasladaranse ao Gaiás arredor de catrocentas pezas de pedra, algunhas de até dez toneladas de peso.
Cidade da Cultura
photo_camera Cidade da Cultura

Para a primeira grande exposición do Museo de Galiza da Cidade da Cultura, a Xunta designou como coordinador de comisarios a Miguel Fernández Cid, o que fora director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) con Xesús Pérez Varela como conselleiro. 

Para a montaxe, a Consellaría convocou tres concursos que foron dar a dúas empresas de fóra de Galiza, a madrileña Expociencia, encargada da montaxe e a de transporte Severino Servicio Movil, que se encargará de trasladar as pezas ao Gaiás desde os noventa puntos de orixe. Os concursos de transporte foron convocados por 233.640 e 177.000 euros e o de montaxe por 801.866,91 e adxudicado por 597.390.85 segundo consta na propia páxina da Xunta. Segundo agora indican trátase da “resolución dos primeiros concursos de transporte e de montaxe” polo que o orzamento se verán incrementado coa suma das próximas adxudicacións.

A Consellaría de Cultura e Educación fixo público o agradecemento ás 90 institucións, concellos e coleccionistas que ceden pezas á exposición. A través dunha nota de prensa anunciou que a mostra recolle obras de entidades galegas ademáis de vinte portuguesas e outras de fóra de Galiza como o Museo Arqueológico Nacional, o Museo Arqueológico de Asturias, o Archivo Histórico Nacional ou o Archivo cartográfico. A Consellaría fala da exposición “máis ambiciosa” das organizadas nos últimos tempos mais nada di do orzamento dedicado á montaxe. Só sinala que “está previsto que o custo desta exposición se reduza considerabelmente fronte ao prezo inicialmente estimado”. Sen dar cifras oficiais, a cantidade que se fixo pública é de un millón e medio de euros, notabelmente menor do que calculan varios profesionais do sector consultados. 

De todas as maneiras, os datos técnicos achegados conducen a que a Xunta afronta a exposición máis custosa de toda a historia do goberno autónomo. Nunca antes se mobilizaran tal número de pezas de tanto valor, o que encarece os seguros, e dunha procedencia tan variada e de pesos tan elevados. A exposición ocupará os 6.600 metros cadrados e será aberta no mes de xuño con 400 pezas que van dun petróglifo até obras de grande formato de artistas contemporáneos como Francisco Leiro, Manolo Paz ou Silverio Rivas. 

Pezas de dez toneladas

A Xunta, singularmente, dá conta da dificultade da instalación e do transporte das pezas que xa están a ser transportadas ao Museo de Galiza. “A complexidade destas tarefas é maior se se ten conta que implica conxuntos de pezas de até dez toneladas de peso”, sinalan desde a Consellaría. 

O “cen por cen do equipo” está a traballar na montaxe, segundo engaden na Consellaría, na recepción e instalación das pezas que “viaxan en caixas especialmente fabricadas para esta exposición e cun deseño individual para cada unha delas”.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios