1.000 sinaturas para que o Valedor impida ''que emigre'' o patrimonio artístico das antigas caixas

A federación Galiza Cultura denunciou a situación de "escandalosa escuridade informativa" a respeito de cales son e onde están as obras que integran a maior e máis completa colección de arte da Galiza.

caixas
photo_camera [Imaxe: SG]


A federación Galiza Cultura transladou esta terza feira perante o Valedor do Pobo a preocupación d@s galeg@s polo patrimonio das antigas caixas de aforros, valorado en 50 millóns de euros. A presidenta deste colectivo, María do Pilar García Negro, cualificou de "escandalosa escuridade informativa" o silencio que rodea a compilación de obras de arte galega moderna e contemporánea en diálogo con importantes exemplos da arte internacional. 

Ao fío, tamén o escritor Suso de Toro, o integrante da asociación cultural O Galo Marcos Maceira e o voceiro d@s estafad@s coas preferentes en Compostela Xesús Domínguez denunciaron o escurantismo ao redor desta colección. "Non vale de nada dicir que temos 8.000 pezas se non sabemos nin onde están nin cales son", subliñou De Toro, acrecentando que "probabelmente non exista un relato claro do que hai, senón que hai un descontrol importante e danse cifras a bulto" a respeito destes fondos que conforman a colección de arte máis extensa e completa da Galiza. 

Para eles a Xunta anunciou a declaración de Ben de Interese Cultural mais non sinalou cales serían as medidas a implementar para garantir que o patrimonio fique no País. Alén de impedir "que emigre" ese patrimonio, dixo García Negro que coas mil sinaturas recollidas Galiza Cultura persegue tamén que a colección de arte fique aberta ao público e que sexa "debidamente divulgada".

Á saída da xuntanza co Valedor, o colectivo valorou a entrevista como "moi positiva", destacando que José Julio Fernández partillaba "máis ou menos" a visión e o diagnótico da problemática que a federación puxo riba da súa mesa. Cómpre recordar que o destino do patrimonio das caixas decorreu por vieiros diferentes após a fusión: as 5.500 obras en poder de CaixaNova pasaron a mans da fundación Novacaixagalicia namentres as 1.500 de Caixa Galicia foron parar a Novagalicia Banco, entidade que xa non é galega após o Frob venderlla ao banco privado venezolano Banesco.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios