'A pomba do Arco' convídanos a descubrir a Pardo de Cela na Frouxeira

A Asociación Cultural focense organiza para o día 9 de setembro un roteiro na histórica fortaleza, último reduto de resistencia do Mariscal contra as tropas dos Reis Católicos.
Fortaleza da Frouxeira

A pomba do Arco, a asociación cultural con máis de vinte anos de actividades na Mariña, organiza para o día 9 setembro un roteiro ao redor da fortaleza da Frouxeira para dar a coñecer a figura do mariscal Pardo de Cela. "Non existe mellor lugar que as ruínas dese castelo para coñecer máis a fondo o papel que xogou na nosa historia", recoñece Xoán Ramón Fernández Pacios, presidente da 'Pomba do Arco'. A actividade comezará ás 11 horas da mañá no aparcadoiro da Frouxeira cunha pequena visita onde se vai dar unha fonda explicación dos lugares de maior interese dese símbolo da resistencia nobiliaria galega. Despois, ás 12:30 horas, o profesor Anselmo López Carreira impartirá unha charla maxistral co título de "Pardo de Cela e a Mariña do século XV".

O roteiro xurdiu despois do interese por Pardo de Cela nas XVII Xornadas de Historia local de Foz

Interese polo Mariscal
A organización desta xornada xurdiu despois do éxito de asistencia ás XVII Xornadas de Historia local de Foz nas que o xenealoxísta Xosé Carlos Breixo Rodríguez falou de "A orixe familiar do mariscal Pardo de Cela". O autor de varios libros como Historia de Ortigueira e colaboracións en varias publicacións como Estudios Mindonienses, Cátedra ou Eume, entre outras, causou unha fonda pegada que agora queren aproveitar desde 'A pomba do Arco'.

"Hai moito interese neste tema", asegura Fernández Pacios, "e as novas aportacións d@s historiador@s baseadas en varios documentos sinalan a un Pardo de Cela moi diferente do que se coñecía até o de agora".

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios