XII Castañazo Rock: incendiar o interior do país con música, festa e compromiso

Chantada celebra este sábado todos os santos cun festival no que haberá unha manchea de actividades e concertos: Dubioza Kolektiv, o grupo a seguir. Moito ollo.

Centos encheron máis un ano o mercado gandeiro de Chantada no XI edición do Castañazo Rock

Chantada vai ser mañá sábado, día de Todos os Santos, o fervedoiro onde calquera que desexe deixar de lado Samaíns-Hallowens, etc... para pasar horas de paixón e festa ten que estar. No Castañazo rock, que chega á súa XII edición cun cartel para quitar o hipo.

A xornada comezará a media mañá co Castañazo infantil: música, teatro, castañas e diversión a eito! Para @s pequen@s e non tan pequen@s. Ás 15:00 comezan os cantos de taberna, tres horas para percorrer dez baiucas mollando a palleta nun concurso que cada ano vai a máis. Unha hora despois é a cita co aberto de billarda, ás 18:00 horas cos xogos bravús e a partir das 20:00, o magosto.

A ferver!

E xa pola noite, concertazos, sete conxuntos para facer ferver o interior do país. Procedentes de Bosnia chegan Dubioza Kolektiv, unha caldeirada de ska, rocko, música balcánica para ser triturada a base se suor e baile, moito baile. Son o grupo que deixou pampos os asistentes a festivais europeos deste verán. Impresionantes.

Outro prato forte son os ‘Gatillazo’, con Evaristo (ex-La Polla Records) á fronte. Desde EH rock de combate e mala hostia. Desde Italia chegan Talco, uns vellos coñecidos do Castañazo, pura enerxía e afouteza skatalítica. La Raíz son outro dos grupos. Once persoas sobre o escenario a mesturar hip hop, reggae, rock e o que faga falta.

Armada galega

E a armada galega neste Castañazo é de órdago: a Fanfarria Taquikardia, Maskarpone e Machina. Tres propostas diferentes mais igualmente apaixonantes. 

Máis en Ao vivo
Comentarios