"Vivindo o que estamos a viver, sentimos certa obriga de escribir sobre o que vemos"

Son un dos grupos por excelencia do metal galego. Co seu terceiro traballo discográfico baixo o brazo e nominados aos Premios da Música, Gonzalo e Martín, dous dos integrantes de Machina, conversan con Sermos Galiza arredor de A síndrome de Nerón, o seu último disco. Xa podes escoitar un avanzo en RadioSermos.

De antemán parabéns polo disco, non é doado sacar un novo traballo á rúa, non?
[Gonzalo].Obrigado. Está complicado, mais tamén depende da idea que teñas e do traballo que queiras facer. Nesta ocasión eliximos o formato EP --con menos cancións-- sen escatimar en calidade en canto á gravación mais na edición decidimos non editar un disco en caixa. A nosa experiencia dinos que para grupos coma o noso, da escena underground, non existen canles de distribución que funcionen. Aliás, sempre defendimos o acceso libre á cultura polo que todos os nosos traballos se poden descargar debalde. 

"Defendemos o acceso libre á cultura polo que todos os nosos traballos se poden descargar debalde"

Nese senso, pendurastes o disco en Bandcamp, unha plataforma á que se están sumando cada vez máis grupos para dar a coñecer os seus traballos. Por que decidistes optar por esta alternativa?
Porque a xente a coñece e sabemos que pode traballar con ela. Mais para alén de Bandcamp amosámonos na Regueifa ou GZ Música

Nacen estes espazos pola falta de oportunidades?
Si. A nivel institucional botamos en falta que a industria funcione ben, para alén de que existan institucións que subvencionen un sector. Un exemplo claro diso é a xente de Músicos ao vivo que fixeron os Premios da música. Coido que co tempo será un recurso efectivo para a música porque ao final os premios son positivos porque son os socios os que votan. Dignifica moito isto e supón un escaparate para todo o que se está a facer. Hai moitas bandas que o público en xeral aínda non coñece. 

Falando do voso último traballo, A síndrome de Nerón... por que este título?
[Toma a palabra Martín]. Fai referencia á figura de Nerón que lle prendeu lume a Roma, vía como ardía e despois aínda lle botaba a culpa ao resto. Reflicte un pouco como vemos nós a situación actual. Todo arde, contemplámolo, mais non facemos ningún tipo de auto-crítica, culpámonos uns aos outros e ninguén propón nada. Aliás, se a xente puidese volver a vivir como viviamos antes disto [en referencia á crise] faríao. Repetiría unha e outra vez o mesmo papel. Falamos de políticos, banqueiros, empresarios, mais tamén de moita xente de a pé que volvería a esa vida e non entende que é o que estivo mal. 

De feito o tema do voso último videoclip, O Odio, xorde daquel filme, Le haine, de Kassovitz. Cóntame que teñen a ver...
Ten moito a ver. A letra está baseada na historia que se conta no filme. O home que está a caer do edificio e até que non pega no chan di que 'todo vai ben' cando realmente non é así. Continúa coa liña do disco. A analoxía é obrigada. Neste senso, mesmo o vídeo --que foi producido e dirixido por Deicaudiovisual fai un par de chiscadelas ao filme, como é o caso da pistola, un elemento recorrente na película de como descargar o odio. 

"Continúa a haber revoltas e aínda hai quen as ve como que non van con elas"

Vivimos nunha sociedade coma aquela na que nós dicimos "polo de agora, todo vai ben"... Existe hoxe ese grao de tensión que Kassovitz pretende transmitir no filme?
Coido que si. Véxoa un filme moi actual, malia ser de 1995. Efectivamente continúa pasando o mesmo. Continúa a haber revoltas e aínda hai quen as ve como que non van con elas. Vólvese a esa normalización de algo que non é normal até que, como acontecía no filme de Kassovitz, bates contra o chan. E o importante non é a caída, senón a aterraxe. 

Sodes un grupo comprometido. As vosas letras din moito como é o caso de Manolo Kazolo na que falades da violencia machista, cómpre crear discurso a través da música?
Nós sempre defendimos iso porque é algo do que queremos falar. Se estamos vivindo onde vivimos e está a acontecer o que está a pasar, sentimos certa obriga de falar do que vemos. Nese primeiro disco, Post bravú, había temas de amor porque eran outras épocas embora houber letras comprometidas como Manolo Kazolo. Mais no seguinte disco e neste, vímonos abocados a que practicamente todas as letras xirasen arredor desa temática social, comprometidas. 

Estades nominados aos Premios da Música, como acollestes a nominación?
Foi unha grata sorpresa. Acollímola moi ben porque supón todo un recoñecemento por parte dos músicos. Sentímonos moi agradecidos. Pase o que pase xa temos a nosa recompensa. 

Dan boa conta do estado de saúde que ten a música neste país?
Coido que si. Non hai máis que ver que houbo máis de 500 propostas nas distintas categorías. Hai boa saúde e gaña de facer cousas, se ben nós cremos que o metal ten menos escena que o folk, mais iso é a loita de cada quen. Porén, que a música galega goza de boa saúde, coido que é unha evidencia. 

Cando poderemos vervos en directo?
O 14 de Decembro estaremos na Fundaçom Artabria, en Ferrol e o 28 de Decembro na Sala A Reserva (Carballo).

Máis en Ao vivo