Vidal Bolaño terá en Compostela a homenaxe “ao home de aquí”

Amizades e familiares organizan unha gala o 27 de outubro no Salón Teatro na que participarán Chévere, Magnifique Band dos homes sen medo, Laura Ponte, Ataque Escampe, Rubén Ruibal e X. Carlos Mejuto, Dolce Vita, Leo arremecaghoná & García, Pako D'Pink & Perello e Mini e Mero.
Presentación da Homenaxe a Vidal Bolaño
photo_camera Presentación da Homenaxe a Vidal Bolaño

“Vai ser unha homenaxe ao dinamizador cultural, ao home de Compostela, non só ao intelectual e home de cultura”. Roi Vidal, músico, dramaturgo e poeta galego, fillo de Vidal Bolaño, presentou hoxe xunto ao actor Xan Carlos Mejuto a que será a homenaxe das amizades e a familia o 27 de outubro no Salón Teatro (Compostela, 20 horas).

Pensada antes de saber que en 2013 se lle dedicará as Letras Galegas, a intención d@s organizador@s é tratar a Vidal Bolaño “como persoa pública que traballou tanto como unha Consellaría de Cultura”. Vidal lembrou a súa traxectoria en Abrente, en asembleas e foros e o seu apoio aos pres@s politic@s nos anos 90. ”Salientamos o seu compromiso social apoiando actividades como o Festival de Poesía de Salvaterra no que participou en dúas ocasións”.

Roi Vidal: "Vidal Bolaño traballou tanto como unha Consellaría de Cultura”

Cancelan o pasarrúas

O actor Xan Carlos Mejuto, informou que “por motivos de loxística” non se celebrará o anunciado pasarrúas dos Monicreques de Kukas. “Centraremos no acto no Salón Teatro”, afirmou. Para Mejuto esta homenaxe servirá para lembrar “que foi unha persoa moi xenerosa, nunca deu unha batalla por perdida, sempre pensando en Galiza”.

Na homenaxe haberá música e teatro e “algunha sorpresa”. Actuarán Magnifique Band dos homes sen medo, Ataque Escampe, Dolce Vita, Mini e Mero e Leo arremecaghoná & García. Do mundo do teatro Chévere, Laura Ponte -cun monólogo sobre o texto “Criaturas”-, Rubén Ruibal e X. Carlos Mejuto ademais de Pako D-Pink & Perello. 

As invitación estarán na Libraría Couceiro, Casa das Crechas e Avante de Compostela onde tamén haberá bonos axuda de cinco euros. Despois da homenaxe haberá unha cea en Casa Manolo. Para máis información a organización ten unha páxina na rede social Facebook.

Máis en Ao vivo
Comentarios