THE HOMENS

“Non somos tan maiores como para auto-homenaxearnos. Vai ser unha festa das boas”

Esta sexta feira The Homens volven aos escenarios para unha única actuación -Capitol, Santiago DC- após tres anos de tregua. “Vai ser un concerto dos de toda a vida. Non somos tan maiores como para auto-homenaxearnos”, confesa Martin Wu (voz e guitarra) nesta entrevista. Bule, que aínda estás a tempo de conseguir unha camiseta a raias.

the_homens_4_vert_1400

Volven The Homens, liscan os covardes. Vano facer esta sexta feira, na Capitol (Santiago DC) e tres anos despois do seu último concerto, en Cardiff (Gales). The Lost Omelette Makers será quen abra a noite dunha actuación que Martin Wu (voz e guitarras) propón como “unha auténtica festa” tanto “riba do escenario como abaixo”. Por unha vez, facédelle caso.

- Como se argallou a idea de volver aos escenarios?

- Bon, o grupo disolveuse porque Xocas [batería] tivo que marchar traballar fóra. De feito, cando retornaba por aquí volviamos xuntarnos para sacarnos a carbonilla`` dos dedos, volver ensaiar vellos temas e esas cousas. No 2013 xa tiñamos preparado un concerto polo Apóstolo, mais suspendeuse polo sinistro de Angrois. Desta volta foi cousa de Manuel, de Familia Caamagno, que nos ensarillou e aquí estamos. Apetecíanos tocar e volver estar coa xente. O noso último concerto fóra nas Pontes no 2011 e despois deramos 2 máis, que nós mesmos cualificamos de ‘póstumos’, un na Costa Brava e outro en Gales.

- Mesmo propuxestes á xente que escolleran os temas que lles gostaría que tocarades no concerto...

- Recibimos por volta de 100 propostas, o que está ben. E non son achegas de temas moi diferentes das que nós propios escolleriamos, a verdade, se ben a xente tirou máis cara aos temas do principio. Imos tocar cancións dos catro discos e a nosa idea é interpretar tamén ‘À La Guillotine!’, que nunca tocamos ao vivo.

"Sempre o pasamos moi ben tocando ao vivo, e iso nótase. Se o pasas ben riba do escenario é máis fácil que se pase ben abaixo"

- Novidades para o concerto? Sorpresas?

- Temos claro que vai ser un concerto de toda a vida, non imos subir a xente da música a que cante as nosas cancións nin nada diso (ri). Non estamos tan maiores como para caer na auto-homenaxe, algo que nos horroriza! (volve rir). A novidade vai ser que con nós estará Roi Fernández, o Sr. Pause, director de cine e videoartista, que lanzará vídeos en directo durante o concerto mentres nós tocamos.

- Un dos vosos puntos fortes eran os directos, a conexión -ou como se queira chamar- coa xente. Listos para volver activala na Capitol?

- Sempre o pasamos moi ben tocando ao vivo, e iso nótase. Se o pasas ben riba do escenario é máis fácil que se pase ben abaixo. Vai ser unha festa das boas, a nosa intención é esa.

"Fomos e somos un grupo de amigos, fixemos máis de 200 bolos en 4/5 anos, gravamos discos cun son que nunca pensabamos poder ter, coñecemos xente extraordinaria e non deixamos ‘pufos.’

- Nos ensaios xa notades esa sensación?

- Bon, levamos menos ensaios dos que quixeramos (ri), mais agora estamos a darlle a ‘destajo’, e ben. Home, fáltanos un pouco para coller o ritmo do partido, mais ben, estaremos a punto .

- Mirando atrás sen ira...como lembras aqueles anos de The Homens?

- Sen ira ningunha. Estivo moi ben. Fomos e somos un grupo de amigos, fixemos máis de 200 bolos en 4/5 anos e chegando a tocar en Polonia ou Gales, gravamos discos cun son que nunca pensabamos poder ter, coñecemos xente extraordinaria e non deixamos ‘pufos.’

- E vai ser un único concerto ou está a porta aberta para ir armando algún máis, volver a tocar...

- Pois non hai nada no horizonte que permita pensar que vai haber algún concerto máis que o que imos dar esta sexta feira (ri).

"Houbo unha época na que os medios, algúns medios, facían máis caso, eran como xaneliñas para que o rock galego tivese máis difusión. Mais semella que volvemos ser clandestinos"

- Catro anos despois de cesar a actividade en The Homens, como vedes o panorama do rock en galego?

- Pois, a grandes rasgos, parecido ao que había hai dez anos e ao que había hai 20. Houbo unha época na que os medios, algúns medios, facían máis caso, eran como xaneliñas para que o rock galego tivese máis difusión. Mais semella que volvemos ser clandestinos, células que se xuntan de cando en vez e que non se coñecen moito entre si. Tamén é certo que nestes anos houbo unha enorme precarización na música e na cultura en xeral.

- Houbo algún grupo que tivese que explicar máis veces o de por que cantabades en galego?

- Por fortuna hai xente que ve que o galego ten futuro, tamén no rock e na música. E tamén, é certo, hai xente que se sorprende de que un grupo cante en galego e mesmo teñen certa actitude preventiva. Mira por exemplo os festivais ‘indies’ en Galiza, non hai grupos que canten en galego, semella que os grupos que cantan no idioma teñen que ir xuntos a uns festivais xa para iso, para os que cantan en galego. Para nós é o noso idioma, no que falamos e no que cantamos, actitude de normalidade.

As entradas (a 8 euros a anticipada e 10 na billeteira) poden comprarse xa nos establecementos composteláns Miranda - Cultura para levar e A Reixa Tenda.

Máis en Ao vivo
Comentarios