Treixadura: 'O da Peregrina vai ser un concerto especial'

Naceron en 1990 como grupo de gaitas e hoxe son algo máis. Cinco traballos discográficos e un directo que non se esquece fixeron desta formación unha das de máis sona no mundo da gaita. Actuarán na Festa da Peregrina xunto a “Cantigas e Agarimos” o 15 de agosto ás 22:30 horas.
Treixadura
photo_camera Treixadura

Tedes cinco traballos discográficos. Sodes máis de directo que de estudo de gravación?
A música de Treixadura, segundo di moita xente, gózase mellor en directo. Facemos unha música que en directo adquire máis forza. Nós pasámolo ben sempre. Son experiencias distintas. Gravar, como calquera proxecto de creación, é unha experiencia dura mais reconfortante. O directo é divertirse, unha festa, compartir co público a música...

De onde sacades a "inspiración" musical?
Un 80% da música que facemos é tradicional. Nós miramos cara aos gaiteiros vellos: Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros de Vilagarcía, esa xeración dos 60. Despois outra parte importante son os coros galegos e as bandas de música.

Colaborades con Coros. Que significaron para a música tradicional?
Cada disco foi dedicado aos gaiteiros, ás bandas de música e aos coros. O último é un traballo que remata un ciclo. Por iso a portada do disco é unha roda de muíño, foi onde empezamos e onde nos entrou a inspiración de facermos estes catro discos inspirados na copla popular. Gravamos cos coros unha suite de repaso tamén con banda de música.

Hai uns meses organizouse unha campaña na rede pedindo actuacións para Treixadura. Tan mal está o tema?
Está mal para tod@s. Foi algo que nos sorprendeu porque o ano pasado chegara o verán e non había concertos. Coincidiu con eleccións e estaba todo sen programar. Logo si, fixemos unha xira de inverno e este verán non nos podemos queixar. Non son as xiras de hai anos mais...

O noso obxectivo é continuarmos a reivindicar a nosa música

Levades 22 anos tocando. Queda algo por aprender na música tradicional?
De aprender sempre. De continuarmos a reivindicar a nosa música, é o noso obxectivo. Tamén é achegar melodías para outros gaiteiros posto que o 20% da música que facemos é de composición propia. Crear alén de espallar. A nosa satisfacción é que pezas como a "Muiñeira de Santo Amaro" ou "Se chove" tamén as tocan outros gaiteiros nas romarías. E moita xente pensa que son populares... É o obxectivo, crear e que a roda siga durante séculos.

Como será o concerto de Pontevedra?
Para nós é un concerto que agardamos con impaciencia porque cumpriremos o soño de tocarmos en directo cun coro. Tivemos unha experiencia nas festas de Ourense coa Coral de Ruada e agora será con Cántigas e Agarimos. Vai ser un concerto especial para a xente que lle gusta esta música. Levaremos o coro e tamén baile. Vai a estar á altura das Festas da Peregrina.

Para cando un novo disco?
Pensamos sacar algo polo 25º aniversario do grupo. Algo idearemos.

Máis en Ao vivo
Comentarios