CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Trainwreck, un choque de trens con chiscadelas a Billy Wilder e Woody Allen

Unha comedia de adultos escrita por unha humorista de suceso nos EUA -Amy Schuman- e realizada por un director que xa en si propio é unha marca comercial, Judd Apatow. A proposta do noso crítico de cabeceira para esta fin de semana.

Trainwreck, cinema

E DE SÚPETO TI
Trainwreck
(Estados Unidos 2015, 125 min.)
Dirección: Judd Apatow
Guión: Amy Schumer
Fotografía: Jody Lee Lipes
Música: Jon Brion
Elenco: Amy Schumer, Bill Hader, Tilda Swinton, Brie Larson, John Cena, LeBron James, Colin Quinn, Ezra Miller, Jon Glaser, Vanessa Bayer, Randall Park, Dave Attell, Evan Brinkman, Norman Lloyd

SINOPSE
Amy é unha exitosa periodista de moda que, a diferenza da súa irmá, leva unha vida sen compromisos. As cousas cambian o día que coñece un reputado médico deportivo.

CRÍTICA 

Nova película de Judd Apatow, responsable desde principios de século dun tipo de comedia contemporánea, antropolóxica e canalla que xa conta con selo propio: Apatow Productions... máis coñecida por “Factoría Apatow”. Moitas das máis orixinais comedias dos últimos anos saíron do maxín deste director, produtor e guionista: Superfumados, Paso de ti, Lea embarazosa ou Os amos da noticia son boa mostra dun tipo de comedia descarada e deslinguada que, pode gustar máis ou menos, pero deixa pegada. Por primeira vez desde que dirixe, deixa o guión en mans de outros. Desta volta vén da man da protagonista, absoluta, do filme: a humorista Amy Schumer. Unha comediante moi famosa no seu país por un programa de brincadeiras e entrevistas do que, de seguro, sacou bastante material para a trama de E de súpeto ti, ou Trainwreck, mellor dito. Semella que a tradución para a estrea nas salas non ten, para variar [...], nada que ver co título orixinal. Trainwreck é literalmente “choque de trens”, inda que se usa habitualmente para referirse cando algo, ou alguén, é un verdadeiro “desastre”... e ese desastre non é outra que Amy (Schumer), unha periodista de revista de moda que trata de vivir a súa vida como lle peta. Pasa moito da inercia do que se espera dunha muller de máis de trinta. A súa irmá casada e a punto de ser nai, e ela de xolda en xolda, facendo seu aquilo de sexo, drogas e moito alcohol... Nun artigo de traballo arredor do doutor Aaron (Bill Hader), médico de deportistas de elite, acaba intimando con el e decide ter unha segunda cita, cousa que non lle pasaba desde o instituto...

Igual digo unha soberana parvada sobre Trainwreck pero eses simpáticos perdedores lembráronme por momentos un pouco aos que retrataba Billy Wilder nas súas películas...

Comedia adulta de verbo fácil, bastante improvisación e certo aroma a Saturday Night Life. De feito o filme está repleto de rostros do famoso programa da NBC: desde o citado Bill Hader, en plan tímido sedutor, Vanessa Bayer, como amiga íntima da protagonista, ou Colin Quinn, no rol do pai enfermo. Moito famoso que se presta a facer a súa colaboración para a causa: a estrela da NBA LeBron James, o loitador John Cena ou os actores Mathew Broderick, Daniel Radcliffe ou Marisa Tomei, facendo de si mesmos. Atención tamén a unha irrecoñecible Tilda Swinton (Orlando, Só os amantes sobreviven). Decateime que saía no filme tras mirala nos títulos de crédito porque se non, nin de broma. E non é que faga un cameo precisamente senón que é unha das personaxes secundarias con máis texto. Abraiante capacidade de transformación a desta actriz... Igual digo unha soberana parvada sobre Trainwreck pero eses simpáticos perdedores lembráronme por momentos un pouco aos que retrataba Billy Wilder nas súas películas... moi de refilón iso si, eh? Apatow amosa un pouco de cinefilia ao facerlle unha divertida homenaxe a Woody Allen cunha das súas escenas máis recoñecibles de Manhattan. Destaca a intensidade coa que trata de percorrer camiños pouco trillados nas típicas comedias románticas. Agradécese moito que, por fin, amose a muller coma o que é e non coma un mero obxecto decorativo. Nada habitual, por certo, en películas para o gran público. Mágoa que estraguen un pouco a mensaxe ao final... En fin, unha comedia con deixe a monólogo do Clube da Comedia, bastante mellor do esperado iso si, para sorrir un pouco e, se tal, botar unhas risas...

Máis en Ao vivo
Comentarios