Seivane e Xosé Quintas protagonizan a 'XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional' en Pardiñas

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza máis unha edición dunha das mostras máis antigas do Estado español desta temática. Obradoiros e a presentación do primeiro método de gaita para crianzas completan a programación. A homenaxe deste ano é para Xosé Manuel Seivane e o pregoeiro será o músico Xosé Quintas.
Feira de artesáns de instrumentos en Pardiñas
photo_camera Feira de artesáns de instrumentos en Pardiñas

Dezanove anos leva a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), a través da súa comisión de artesáns, organizando unha mostra que xa e todo un referente a nivel estatal nos eventos de luthiers. A "XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional", que reunirá o 4 e 5 de agosto a 24 artesáns, pretende achegar no histórico Festival de Pardiñas que organiza Xermolos o traballo das persoas que constrúen a principal ferramenta dos músicos, mais tamén dar a coñecer as súas últimas novidades. Como conta Xoán M. Tubío, “Xaneco”, o precursor da mostra, a propia dinámica deste tipo de artesanía e a dispersión por toda a xeografía galega dificultou a súa organización. “Comezamos con moita ilusión e hoxe a mostra está consolidada por ser unha oportunidade única de probar instrumentos e falar cos luthiers de toda Galiza”.

O mundo da artesanía de instrumentos musicais tradicionais galego ten as súas particularidades. “Primeiro entras en contacto co instrumento, xa que logo é moi importante saber tocar para despois xogar coas tonalidades e outras particularidades que non aproveitarías doutro xeito”, comenta falando da súa propia experiencia Xaneco. A nivel galego varias iniciativas promocionaron este oficio. “A máis importante, se cadra, foi a que montou Antón Corral na Universidade Popular de Vigo mais despois houbo outras como a que se realizou en Lugo”, apunta Xaneco. Logo na propia mostra aproveitan para intercambiar experiencias e poñerse a día. Por sorte a crise, como comenta Xaneco, aínda non chegou a este sector que aporta o seu material ás numerosas escolas de baile e música tradicional. “A nosa clientela son músicos profesionais, de escolas e este sector ten moito vigor, mesmo nun estudo realizado por Son de Seu daba unha cantidade importante de alumnos e alumnas de instrumentos tradicionais”. Aínda así o construtor asegura que algo hai “polo recorte tan fulminante e aniquilador da nosa cultura musical”.

A nivel galego varias iniciativas promocionaron este oficio, como a que montou Antón Corral na Universidade Popular de Vigo ou a que fixo a Deputación de Lugo.

Homenaxe a Seivane
Nesta edición a mostra quere homenaxear o mestre da Pastoriza, Xosé Manuel Seivane Rivas, finado hai seis meses. Seivane tivo o seu primeiro obradoiro con 18 anos e ao longo dos seus máis de sesenta anos de historia contribuíu a dignificar e desenvolver a gaita galega, por exemplo na unificación das palletas, ou no perfeccionamento da afinación. Participou nos anos 70 e 80 nas primeiras xuntanzas de construtores de instrumentos que tiveron lugar en Melide e Ortigueira. Tamén foi un dos fundadores da Asociación de Gaiteiros Galegos e converteuse nun referente do instrumento nacional galego.
A homenaxe pretende tamén dar a coñecer este oficio. Xaneco asegura que o luthier de instrumento tradicional non está tan valorado como aquel que traballa na música clásica mais “agora cada vez máis sentímonos recoñecidos pola nosa clientela”.

Pregón de Xosé Quintas e obradoiros
O pregón será hoxe ás 17:30 horas e corresponderá ao músico e cantante Xosé Quintas Canella (Allariz, 1947). Este artista comezou a súa carreira a mediados dos anos 60 actuando en varios locais da zona da Coruña. Participou do denominado Movemento Popular da Canción Galega mais con diferencias de estilo co de Voces Ceibes: seguiu máis unha liña medievalista e de espallamento das cantigas galaico-portuguesas. En 1978 gravou o seu disco con doce cantigas Porque no mundo mengou a verdade no que participaron tamén Eloy Vázquez, Ánxel Barbadillo, Bernardo Martínez e Enrique Ferreira.
Logo do pregón comezarán varias actividades. Primeiro o artesán Jaime Pena realizará unha demostración práctica de construción de palletas e despois haberá unha actuación musical con sabor dos anos 40 da murga “Brisas de Tomiño”. Rematará a xornada o músico e artesán Oli Xiráldez, no obradoiro de Treboada. O Domingo ás 12:30 horas presentarase o libro “Son do Fol” por parte do seu autor, Xaime Estévez, o primeiro método infantil de iniciación á gaita galega publicado pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Pola tarde continuará o obradoiro de palletas e despois, a partir das 18 horas, haberá un pequeno curso de Baile Tradicional a cargo de Miguel Souto, bailador da A.C.F. O Fiadeiro de Vigo. Rematará a mostra a actuación do Grupo Leirabuxo.

Máis en Ao vivo
Comentarios