Rock galego no II Festival de Noso en Lugo

Os John Deeres, Terbutalina e Machina actuarán o 4 de outubro abrindo as festas máis participativas da cidade. Nesta segunda edición continúan na liña de promocionaren a música na nosa lingua.

A asociación Cultura do país de Lugo presentou a programación do II Festival de Noso que se celebrará o vindeiro 4 de outubro a partir das 21:15 horas na praza do Campo Castelo. Nesta ocasión o rock en galego vai ser o protagonista con tres formacións ben coñecidas no panorama musical dos últimos anos: Os John Deeres, Terbutalina e Machina. "Quixemos apostar pola calidade e un estilo diferente", asegura Ramón González, membro de Cultura do País, "a idea é superar as 400 persoas que ateigaron a praza o ano pasado". As reducións orzamentarias non foron quen de limitar a ilusión deste colectivo que hai uns días conseguiu unha grande participación con outra actividade moi imaxinativa: os monólogos "Lugo de medo".

Paixón polo rock
Tres grupos con traxectorias diferentes mais cunha paixón en común: o rock en estado puro. Os John Deeres voltan a Lugo despois do seu concerto de despedida do anterior curso universitario no Club Clavicémbalo. Rock clásico desde A Estrada con influencias das grandes bandas dos 70 postas ao día. Terbutalina presentará o seu novo traballo discográfico "Hostias para todos", gravado a comezos deste ano en Portugal. Os de Muros continúan coa liña que eles propios chaman 'gastropunk'. Os Machina, unha veterana formación de Cerceda, achegarán o seu 'post-bravú' e unha grande experiencia nos escenarios.

Imaxe: Tanakamusic.com

Máis en Ao vivo
Comentarios