A Revira: dez anos construíndo un recuncho onde vivir en galego

A asociación cultural que agromou en decembro de 2003 en Pontevedra está de aniversario. A defensa da nosa lingua, da nosa cultura, do territorio e dos dereitos nacionais da Galiza fan parte do ADN deste centro autoxerido.

revira_dentro
photo_camera [Cartaces de actividades]


Viron a necesidade dun centro social autoxestionado, un espazo de ocio alternativo, un recuncho onde ser "integramente" en galego. E desa necesidade fixeron agromar, aló polo mes de decembro de hai dez anos, a asociación cultural A Revira.

Desde o 2004 leva Borxa González vinculado a esta iniciativa. Conta que "unha das cousas máis importantes que supuxo foi converterse nun punto de confluencia para a xente galegofalante da cidade", para alén de ser un proxecto social referente "na defensa das ideas nacionalistas e de esquerdas".

Son poucas as iniciativas destas características que resisten toda unha década. Porén, el@s conseguírono promovendo "poder popular desde a base, desde o anticapitalismo e encardinados na construción nacional da Galiza libre que arelamos".

Asemblearismo e autoxestión

As decisións na Revira tómanse en asemblea, sendo este un proxecto autoxerido que "se se mantivo foi polo esforzo dos socios", por volta dun cento. O maior logro, o de "vivir" sen subvencións, malia que o Concello apoia tanto economica coma loxisticamente algunhas das actividades que promove o centro social, como a Festa da Língua que levan oito anos celebrando cadrando co Día das Letras. A Revira toma parte tamén en actividades do Goberno local, como os roteiros pola Pontevedra de Sarmiento ou de Castelao que impulsou a concellaría de Cultura. 

A riqueza deste centro social pasa tamén porque "fomos quen de sumar persoas que militan en distintas organizacións políticas ou que non militan en ningunha" pois, como explica Borxa González, malia valoraren como "moi positivo" o traballo político dalgunhas institucións, entenden "tan importante ou máis" facer política nas rúas.

Música e memorias (dun neno labrego)

O calendario de celebracións na Revira comeza o 6 de decembro, "día propicio para a reivindicación da soberanía galega". Reafirmar a idea de que todo é posíbel en galego, tamén na música, é o que pretenden co concerto da Sala Karma en que partillarán escenario Champurrana, Skarmento e o García Mc acompañado do DJ Mil. Após as actuacións ao vivo a troula segue no bar Entre Lusco e Fusco con música feita na nosa terra.

Ao día seguinte, o sábado 7, o escritor Xosé Neira Vilas, pai do Balbino, aquel rapaz de aldea que se dicía "un ninguén a ademáis pobre" e que fixo das súas Memorias dun neno labrego o libro máis lido da literatura galega, visitará o local da Revira [19.30h] para falar dos vínculos que o noso País ten alén mar, en América, así como da súa experiencia en Cuba, onde viviu 31 anos. Unha cea pechará os festexos do décimo aniversario.

E os vindeiros dez anos? "Esperamos seguir nesta liña e sen perder o noso ADN" onde se mistura a lingua, a soberanía, os dereitos das mulleres, o ecoloxismo e a memoria histórica. Aliás, ao soprar as dez candeas, Borxa González pide tamén como desexo, por que non?, "que agromen en Pontevedra outros proxectos coma o noso".

Máis en Ao vivo
Comentarios