''O repto é que o maior número de galeg@s sintan a necesidade de vivir e coñecer a súa propia cultura''

Conversamos cos Liviao de Marrao, que chegan desde Chantada, a capital do bravú, para traer ao presente aquel movemento que naceu dun texto, o Manifesto de Viana, van alá 20 anos.

liviao
photo_camera [Imaxe cedida]

Bramando desde a capital do bravú, os Liviao de Marrao son nove e prometen ferrados de festa. O seu disco, Matança Eta Filhoak, inclúe até un narco-corrido para bailar o agarrado no campo da festa! Polo de agora algo xa conseguiron: que recuperemos formas en desuso para falar dos pulmóns (liviao) e dos porcos (marraus). Que máis nos contan?
 

Se lles digo o nome dunha taberna, Caballero de Viana, e acrecento que “vivimos no cú do mundo pero temos forza para tronzar o universo”, vénselles algo á cabeza?

Vénnos o Manifesto de Viana, do cal este ano se celebran 20 anos. 20 anos de bravú. 20 anos de "arroutada e emoción", que diría o druída de Monte Alto --en referencia a Xurxo Souto--. De bravú ou bravío, do cheiro da música sen castrar.

"Os 20 anos do Manifesto de Viana é unha efeméride que merecería moita atención neste ano, embora sexa unicamente por reverter o mal costume de sabermos onde fica o Támesis e non o Tea"

Da cultura rebelde que actualiza cada día quel dito de Risco: "Ti dis que Galiza é ben pequena, Galiza é o mundo". Achamos que é unha efeméride que merecería moita atención neste ano, embora sexa unicamente por reverter o mal costume de sabermos onde fica o Támesis e non o Tea.

Pulmóns de Porco. Era estritamente necesario levar o nome dunha víscera? E saben vostedes que a todo porco...? 

Lle chega o seu San Martiño, si, sabemos [risos] Era necesario procurar algo que identificase claramente o que queriamos transmitir. E, no mínimo, serviu para revitalizar un termo que caia en desuso.

Pub Besto Bravo, maio de 2011, unha semana despois das municipais. Que aconteceu alí?

O domingo das municipais incorporamos Marcos, o batería. Unha semana despois, no infelizmente xa encerrado Bestro Bravo, nacía Liviao de Marrao Moito ensaio xa vedes que non había... 

Pinto de Herbón dicía que facía 'Ajro Rap', Xenreira falaba de 'Rock Irmandiño', Os Papaqueixos preferían a denominación de 'Música castrapa' e os Herdeiros 'Castrapo sinfónico'. E vostedes? Como definen a súa música? 

"O denominador común da nosa música é a liña que inaugurou o bravú: letras con espírito crítico e cheas de retranca e historias da nosa terra"

Nós chamámoslle pós-neo-bravú. Aínda que misturamos estilos musicais como o rock, o punk ou o ska, o denominador común da nosa música é a liña que inaugurou o bravú: letras con espírito crítico e cheas de retranca e historias da nosa terra.

Como o bravú hoxe xa é historia, fixemos un arremedo do que fai a post-modernidade, por iso o pós-neo. Non deixa de ser, xa que logo, unha brincadeira. Sentímonos herdeiros daquel movemento e mofámonos da moda de procurar etiquetas 'último modelo'. Se fosemos almáns chamariámoslle Volkmusikswine [risos]

Para quen tocan? Vense amenizando a verbena dunha parroquia de Chantada?

Tocamos para nós. Para o pasarmos ben e coñecermos o mellor deste país a través das súas xentes, moitas delas fundamentais como colectivo para manter viva a cultura desde unha ollada crítica e rebelde.

"É difícil explicar o que se sente tocando nunha aldea de, con sorte, 50 habitantes que se xuntan para ver algo tan diferente á Panorama"

O 31 de agosto estivemos en Esmoriz, nunha festa de aldea de, con sorte, 50 habitantes. Tocamos nun cenario de varios ferrados... [risos] É difícil explicar, a verdade, que é o que se sente ao ver tanta xente naquela romaría para ver algo tan diferente á --orquestra-- Panorama.

Coñecinos no Castañazo de 2012, partillando cenario cos 'pais' do bravú: Os Diplomáticos, Os Rastreros e Os Papaqueixos. Se non foi este o desexo que tiveron cando comezaron a tocar de seguro que foi algo semellante... ou non?

Cando comezamos nunca pensamos chegar a tanto. Comezamos con cinco integrantes e xa somos nove. Aínda non acreditamos en que goste o que facemos.

"A única pretensión que tivemos foi sempre divertirnos"

A única pretensión que tivemos foi sempre divertirnos. Todos son grupos referenciais para moitos de nós, á altura de Songoku e da Nocilla. E alá estaban tamén os Cuchufellos, un dos grupos en mellor forma do panorama musical galego, bourando desde Maceda de Trives.

Que se sente ao tocar a Muiñeira de Chantada diante daquela manchea de xente moza a bailar?

Os sentimentos profundos, coma o amor, poden porse en poemas e músicas, mais non se entenden ben esas creacións culturais até que non se vive por un propio ese sentimento. Adoita ser a nosa última música nos concertos polo que o sentimento é agridoce...

Musicaron un poema de Manuel María e versionaron a 'Tractorada' dos Rastreros. Que máis empréstitos teñen por aí?

Todo o que facemos son empréstitos. Na linguaxe musical e na literatura todo son empréstitos. Kropotkine en La Conquête du Pain --título orixinal en francés do libro do escritor ruso Piotr Kropotkine e que foi traducido para o galego polo colectivo Lume Negro en 2010 co título A Conquista do Pan-- ten un trecho precioso onde explica isto mellor que nós. Porén, podemos resumilo no "os que estaban alí eran cegos?" de Eduardo Galeano cando fala da descoberda da América.

Co sacristán de Basán os Rastregos ensináronnos o que non entenden na 'ciudá'; coa Oda ao futbolín soubemos de Alexandre de Fisterra e da máquina compartillada --fronte ao autismo das consolas-- á que homenaxearon os Diplomáticos; con O caimán do río Tea demos voltas na lavadora e com Yellow Pixoliñas coñecemos a xeografía do País coreando o 'Xabarín xa te vin' entre bocado e bocado de pan con Nocilla detrás da cociña de leña, namentres faciamos as tarefas que nos poñían na escola.

"O Xabarín foi unha iniciativa excepcional, mais só unha pinga no mar"

A Xeración Xabarín rachou tabús coma aquel que dicía que o galego non valía para o rock e desenvolveu a función para a cal a TVG fora creada: difundir a nosa cultura. No panorama actual, cando para difundir esa cultura a Xunta escolle escritoras que presumen de dicir 'Rianjo', facer contra-cultura é só un desexo ou tamén unha necesidade?

Nós non acreditamos que substancialmente sexa diferente o panorama daqueles anos do actual no eito cultural galego, polo menos para quen estaba nas marxes do sistema, dun sistema minorizado. O Xabarín foi unha iniciativa excepcional, mais só unha pinga no mar.

Noutras cousas estamos mellor hoxe. Chega con deitar unha ollada a todos os festivais con que conta esta nación. Somos unha potencia, embora as institucións contribúan máis para por atrancos do que facilidades á sociedade civil.

A necesidade non chega a asinalar. Hai que sentila e o repto é conseguir que o maior número de galegas e galegos sintan a necesidade de vivir e coñecer a súa propia cultura. Fan falla moitos Memmis --falan de Albert Memmi, ensaísta autor do libro Retrato do colonizado, precedido do retrado do colonizador--.

Cando ouvín 'A Pesetiña' pensei naquel 'Caciques' dos Diplomáticos. Escriben as letras coa idea da contestación social ou facer rock bravú en 2014 desde unha aldea do interior ten xa suficiente carga de contestación social?

'A Pesetiña' naceu un domingo nun ensaio en que había máis gañas de contar anécdotas que de mover os dedos. A contestación social que poida ter apenas a pode descifrar quen padeceu os caciques.

Temos ganas nese sentido de recuncar co tema dedicado a Don Pedro de Agromán, un rural thriller. Un suceso real que aconteceu após a longa noite de pedra en que os caciques de Alianza Popular e UCD tiveron un papel moi destacado permitindo que un individuo se presentase dicindo que ía facer a autoestrada Lugo-Ourense comezándoa en Chantada e ao cal se lle facilitou de todo... 

"Nen gostamos do noso tempo nen do noso lugar. Cando gostemos, faremos a música que fai Iván Ferreiro"

Con 200.000 pesetas, obtidas como 'agasallo' por quen ía por as palas e os camións para a obra, obtiveron 2.000.000 no Banco Central Hispano e iso é apenas un exemplo da magnitude daquela estafa. Agora a imprensa, para faorecer o todos son iguais e que gobernen os de sempre, vennos co de Vendex, cando quen todos sabiamos que iso era un conto vello. 

Queiramos ou non, todas e todos somos fillos dun tempo e dun lugar e nós nen gostamos do noso tempo nen do noso lugar. Cando gostemos, quizais xa nen fagamos punk, nen ska, nen bravú, sexa o que for iso! [risos] Se callar, faremos a música que fai Iván Ferreiro [risos]

"Coñecer o papel dos intermediarios na industria do leite, dos caciques e de todos os parásitos do rural dá tanto para comprender quen son os fideicomisarios da burguesía, apreséntense cunha gaivota ou cunha rosa"

Como dicían os Garotos Podres, "eu non gosto do goberno, nen do pasado nen do presente, nen moi probábelmente do futuro". Iso non ten a ver con post-moderneces do tipo todos son iguais, senón con sermos conscientes de que a cidadanía ten que conquistar o mundo que quere.

Axuda ser do rural para iso. Coñecer o papel dos intermediarios na industria do leite, dos caciques e de todos os parásitos do rural dá tanto para comprender quen son os fideicomisarios da burguesía, apreséntense cunha gaivota ou cunha rosa.

Dá até para entender quen son os directivos das caixas ou para ler O Capital --obra de Karl Marx-- e decatarnos de como o diñeiro é a mercadoría por excelencia, cuxa excrescéncia é o financiamento e a globalización. 'Garabatos' é a nosa forma lírica de explicar todo isto.

Ferrados de festa. Esa é a súa oferta para este ano. Para cando o seguinte concerto?

Xa encerrado e confirmado temos en maio do Festival do Freixo, mais agardamos que este ano sexa movido. Un pracer falar convosco e vémonos nos #2014FerradosDeFesta!



NOTA: esta entrevista foi realizada por escrito. As respostas de Liviao de Marrao foron redixidas en portugués padrão e 'Sermos Galiza' fixo a correspondente adaptación para a normativa RAG.

Máis en Ao vivo
Comentarios