CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Raiba: Versos de Revolta

Primeira crítica de 2015. Isidro Rajo debrúzase sobre a raiba, a poesía -con pólvora, con magnolias tamén- e a revolta. Hard rock evoluído? Of course. Guitarras intensas. Letras comprometidas. E o directo que promete.

raiba (1)

Versos de Revolta é o título do segundo disco que publica Raiba. Esta banda comandada á voz por Xavinho da Queiroga  (ex-Nao, ex-Fai Tun Flai) xunto con Buz (ex-Föam, ex-Slaves of System, ex-Captiva) ao baixo, F. Bernardini (ex-Cativa) á batería e Fran J. Castro (ex-Captiva) á guitarra. O disco foi gravado e masterizado en Ultrasound Studios (Braga) por Pedro Mendes e financiado parcialmente por sistema de mecenado a través de Verkami. Na súa escoita detectamos como a banda vai madurando, e incluso evolucúe con elementos máis propios do  “Hard Rock” que do Nu Metal que primaba no seu primeiro disco. O disco contén 6 descargas brutais que se por unha banda fai que o disco pareza curto, agradécese que non incluíran cancións de recheo.

O disco abre dun xeito inesperado, coa voz de Méndez Ferrín recitando un extracto de “Reclamo a liberdade pro meu pobo”, de Pólvora e Magnolias de 1976. Para dar paso a “Versos de Revolta”, toda unha declaración de principios do que nos vai agardar en todo o disco. Riffs contundentes e sen concesións e letras “raibosas” que chaman á rebeldía e á revolta, como o seguinte tema: “As Prazas”, no que musicalmente xogan cos clásicos cambios de tempo e intensidade e verbalmente chaman a loitar contra o medo e erguerse contra o poder establecido dende as prazas da vilas e que lembra ao movemento que ocorreu en maio do 2011.

“Berra!” contén un riff de guitarra que lembra moitísimo aos Iron Maiden acompañado de estruturas melódicas dun retrouso de Rapcore, máis preto do que Raiba nos tiñan acostumados co seu son. As letras son máis optimistas na vitoria final da revolución do pobo, un pobo no que ven  futuro: “Temos fe neste pobo, temos fe nesta xente. A boa xente presente! Os tempos son chegados, así o manifestamos. Donos do noso presente! “

“O Tempo” e un medio tempo melancólico que vai medrando en potencia a medida que o tema progresa e que fala de lembranzas de tempos de loita, e de soños de vitoria,  un estilo mais achegado ao Epic Metal que difire do que até agora se viña escoitando no disco. E que dá paso a “A Nosa Quenda” no que as verbas de xenreira contra o sistema e as promesas da oligarquía deixan claro que é a quenda da revolta, na que xa chegados a este intre non hai nada que perder, polo que non hai motivo para deixar de loitar.  

Tras a  intensidade de “A Nosa Quenda”, chega “Porqué Agardar”, o tema que pecha o disco. Sen dúbida a canción máis comercial do disco, cun retrouso pegadizo e unha letra entre o pesimismo e algunha luz de esperanza.  Outra vez recorren a un medio tempo con aires power-pop  e que deixan un fermoso epitafio agochado na súa letra: “Que putada é morrer con todo por facer”.

Un bo disco, moi recomendábel, aínda que o verdadeiro potencial de Raiba está está nos seus directos onde a forza e a empatía co público son a súa mellor baza.

 
Listaxe de temas

1.- Versos de Mendez Ferrín
2.- Versos de Revolta
3.- As Prazas
4.- Berra!
5.- O Tempo
6.- A Nosa Quenda
7.- Porqué Agardar.

Raiba – Berra!

Raiba nas redes:
Escoita o disco: http://raiba.bandcamp.com/releases
Web: www.raiba.gl
Facebook: https://www.facebook.com/raiba.porvivir

Máis en Ao vivo
Comentarios