Poesía e revolución en Salvaterra

O Festival de Poesía do Condado celebra a súa XXVI edición esta fin de semana, co lema "Capitalismo é um feito, revoluçom um direito".

Contra o modelo económico insustentábel, a revolución é a saída. E en Salvaterra, a revolución vén da man da palabra e da música: a vila acolle dúas xornadas música e reivindicación nas voces d@s poetas que participan nesta edición do Festival, a vixésimo sexta, que organiza a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado. Xa en anos anteriores, os temas centrais foran a revolta feminista, a reivindicación de servizos públicos universais, a defensa do territorio e da lingua, ou a xustiza histórica coa loita antifascista.

Con poucos recursos pero con moita vontade, a sexta inicia o Festival coa apertura de exposicións de humor gráfico nas Covas de Dona Urraca e na Casa do Conde, ás sete e media da tarde, con obra de Xaquín Marín, Nachortas, Pepe Carreiro, Suso Sanmartín, Gonzalo Vilas, Luís Davila, Pestinho+1, Ruth Caramés, Sabela Arias, Kiko Dasilva, Manel Cráneo e Xosé Lois. Ás 20.15 proxectarase Doli, doli, doli... Coas conserveiras, o documental de Uqui Permui sobre as mulleres que no ano 89 se fecharon na fábrica de Odosa, na Illa de Arousa, como protesta contra o feche da conserveira. Ás dez e media é a Noite nas Minas, cun concerto da cantautora Sés e cea, con aforo limitado. A festa seguirá fóra, cun concerto do grupo O son da Triga.

Ás 11.30, o grupo 'Nos Chaman' fará un pasarrúas pola vila, e a esa hora comezarán o campionato de billarda e a feira popular de colectivos e artesanía, pola zona das murallas. Á unha haberá unha mesa redonda na Casa do Conde (un debate con representantes sindicais para analizaren a situación económica, política e social), e a partir das cinco, obradoiros de xogos tradicionais.

Ás 19.30, proxéctanse as curtas premiadas no veciño Festival de Cans, como todos os anos: Mr. Bear, de Andrés Rosende; Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey; O xigante, de Luís Matta e Julio Vanzeler; e O clube do brincador, de Luís Usón. Xa por volta das 21.00, comeza o festival poético-musical. As actrices Clara Gayo e Iria Pinheiro presentarán a Daniel Salgado, Xiana Arias, Roi Vidal, Eduardo Estévez, Ramiro Vidal, Susana Sánchez Aríns, Gonzalo Hermo, Silvia Penas e Claudio Rodríguez Fer. Polo medio, escoitarase a Cuchufellos, O Sonoro Maxín, Sacha na Horta ou Dios ke te Crew.

Máis en Ao vivo
Comentarios