A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Unha película máis estarrecedora que O Exorcista?

Que podemos agardar dun filme que lle provocou calofríos (3!!) o noso crítico de cinema de cabeceira?

The Badaabook
photo_camera Un fotograma do filme

BABADOOK 
Título orixinal: The Babadook
Ano: 2014
Duración: 94 min.
Nacionalidade: australiana
Director: Jennifer Kent
Guión: Jennifer Kent
Fotografía: Radek Ladzcuk
Música: Jed Kurzel
Elenco: Essie Davis, Noah Wiseman, Daniel Henshall, Barbara West, Adam Morgan, Hayley McElhinney, Craig Behenna, Carmel Johnson, Tim Purcell

SINOPSE
Amelia (Essie Davis) é unha nai solteira que tras a violenta morte do seu marido, intenta axudar ao seu fillo Samuel (Noah Wiseman) a superar os medos nocturnos. Pronto comeza a sospeitar que as visións de Samuel quizais non sexan só froito da súa imaxinación.

CRÍTICA

Non hai mellor publicidade que veña ‘un tal’ William Friedkin, o director de O Exorcista, e diga publicamente da túa película que “nunca vira un filme máis terrorífico”. Con iso xa tes a campaña practicamente feita. E o certo é que esa foi unha das razóns que me incitaron a ver Babadook. E teño que dicir que Friedkin non esaxera en absoluto. Tocaría entrar agora nas odiosas comparacións de se esta, aquela ou a de máis alá da máis medo... pero como as comparacións son odiosas limitareime a poñer coas que se autocompara na propia publicidade: ecos a Déixame entrar, O Inquilino, A Semente do Diaño, A Profecía e mesmo tamén a O Exorcista. Un listado nada desdeñable certamente...

A historia comeza con Amelia e o seu fillo pequeno Samuel tratando de superar xuntos o trauma da morte do esposo nun brutal accidente. Cada noite Amelia lelle un conto ao seu fillo para durmir. A cousa vai funcionando ata que un día cae nas súas mans un estraño libro chamado Babadook (acrónimo de “a bad book”) no que sae un misterioso monstro que ataca desde as sombras. Os pesadelos de Samuel fanse cada vez máis fortes até o punto de afectar as relacións sociais na escola e da familia. Xa podemos supoñer que os pesadelos son máis reais do que parece... E aquí é onde a directora Jennifer Kent acerta de pleno. Tras unha introdución de personaxes onde nos pon en situación, e lonxe de caer en camiños trillados do xénero de terror, lévanos da man por terreos psicolóxicos do máis inquietante. Prescinde dos manidos sustos con acompañamento musical e o monstro case nin se ve. O peso da intriga recae no que se intúe, no son ambiente (importantísimo) e nas aterradas facianas dos protagonistas.

Impresionantes tanto Essie Davis, Premio á mellor actriz en Sitges, como o debutante Noah Wiseman, un cativo cun careto que xa de por si mete medo, pero que non vai ser o que produza máis arrepío de todo o que pasa en Babadook. A ópera prima de Jennifer Kent obtivo o Premio do Xurado en Sitges e o Premio á Mellor Ópera Prima polo Círculo de Críticos de Nova Iorque, entre unha chea de premios e nomeacións máis ao longo decenas de festivais e certames. Unha ópera prima que denota unha enorme sensibilidade e personalidade dunha actriz reconvertida a directora que propón un filme de terror psicolóxico que roza a xenialidade. Moita atención ao sólido guión e desenrolo motivacional das personaxes. Babadook está baseada na propia curtametraxe, de apenas 10 minutos, dirixida e escrita por ela mesma no 2005. Tal e como comentaba a semana pasada con Whiplash, cando se pon tanto empeño, esforzo e alma en levar a cabo un proxecto, acábase notando e traspasando a pantalla. En Babadook tamén pasa. Desprende esa orixinalidade do debutante, que normalmente se acaba esfumando co tempo, salvo nos xenios, claro...  É entón a película máis terrorífica da historia tal e como apunta William Friedkin? Ben, da historia pode que non, pero si é do mellor que vin en xénero de terror/suspense nas últimas décadas. De feito teño que recoñecer que tiven tres calafríos que me puxeron os pelos de punta da caluga aos pés... e iso non me pasaba precisamente desde O Exorcista. Evidentemente Babadook é altamente recomendable, case imprescindible, para @s amantes do xénero. Iso si, absterse as persoas suxestionables non vaia ser que durante unha tempada teñan que mirar baixo a cama antes de ir durmir...

Máis en Ao vivo
Comentarios