Os Zënzar presentan o seu último traballo 'Vaise Armar' no VII Festival Noalla Viva

A parroquia de Sanxenxo acolle os días 8 e 9 de setembro as actuacións de Liviao de Marrao, The Skarnivals, Familia Caamagno e ao grupo de Cerceda
VII Festival Noalla Viva 2012

A asociación xuvenil 'A Esmorga' de Noalla, Sanxenxo, celebra esta fin de semana o VII Festival Noalla Viva coa aposta polas formacións musicais do país. Comezará a sexta 7 de setembro cun certame de bandas locais onde participarán Intro (Sanxenxo), Black Hawks (Portonovo) e Ciclogénesis (Nantes). Ese día a festa rematará coa actuación dos pinchadiscos Son Funktastic e Alex On The Moon. Para o sábado, coa entrada de balde, resérvase a noite principal a partir das 23 horas coas actuacións de Liviao de Marrao, The Skarnivals, Familia Caamagno e a presentación do novo disco de Zënzar, "Vaise armar".

Os Zënzar preparan unha sorpresa para celebrar o 25º aniversario como grupo

25 anos de rock en galego
A histórica formación de Cerceda, debutou co nome de Mördor en 1988, chega a Noalla co seu novo traballo "Vaise armar". Letras contundentes, críticas e que falan de experiencias persoais, marca da casa. "Tivemos moi boa acollida desde a presentación en maio", afirma Manolo García, o batería e membro fundador, "desde entón e malia a crise tocamos en festivais e salas ben diversas". Coa aposta pola lingua galega como un principio básico irrenunciábel non deixan de partillar directos e estudios de gravación coas amizades. "Neste dico contamos con Vituco que xa colaborou nos últimos tres que fixemos, tamén con Mario de Invigo ou Loli Nogueira que canta na balada Contigo e sen ti".

Os Zënzar preparan unha sorpresa para o ano vindeiro. En decembro Manolo García, Xosé A. Bocixa, José A. Regueiro "Tabe" xunto a Mario Grela e Paco Cerdeira celebrarán os seus 25 anos de rock en galego e non hai mellor maneira que con concertos en directo. Antes podemos bailarlles unhas pezas en Noalla ou nas festas do Barco de Valdeorras o vindeiro 14 de setembro.

Máis en Ao vivo
Comentarios